A educación concertada pon as bucinas a todo volume contra a "imposición da ideoloxía laicista"

As marchas contaron coa participación de membros do PP.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 22/11/2020 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Centenares de coches percorreron na mañá deste domingo cinco cidades galegas --A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol-- para protestar contra a reforma educativa, coñecida como Lei Celáa, ao entender que atenta contra "a liberdade" e busca "a imposición dunha ideoloxía laicista impropia dun Estado non-confesional".

Convocados pola plataforma 'Más libres. Más plurales. Más Iguales', os manifestantes ocuparon as estradas dos centros urbanos de cinco das sete grandes cidades galegas --só Santiago e Pontevedra non acolleron protesta-- facendo soar o cláxon dos seus coches. Os organizadores da 'marea laranxa' aseguran nun comunicado que en Galicia participaron "uns 10.000 vehículos" nunhas marchas que contaron co apoio do PP.

As marchas, desenvolvidas entre as 11,00 e as 13,00 horas, finalizaron coa lectura dun manifesto no que alertan de que a reforma educativa "supón a eliminación de dereitos democráticos e liberdades". Así, apelaron a defender a "complementariedade" das redes pública e concertada, á vez que acusan o Goberno de "abandonar" aos profesionais destas escolas e dos centros de educación especial.

"A través do control político da educación, estamos a asistir tamén a unha agresión á liberdade de conciencia a favor da imposición dunha ideoloxía laicista impropia dun Estado non-confesional", sinala o manifiseta, no que reclaman "liberdade" para cursar relixión, unha materia que, segundo defende a plataforma, se imparte "con absoluta normalidade" na actualidade.

Así as cousas, avanzan que continuarán "denunciando o atropelo" e chaman ás forzas políticas a presentar "recursos de inconstitucionalidade" contra a LOMLOE, que prevén levar as institucións europeas "en busca de amparo".

REUNIÓN DO PP EN PONTEVEDRA

Varios membros do PP, como en Lugo o deputado no Congreso Jaime de Olano ou na Coruña o vicepresidente da Cámara galega Diego Calvo, asistiron cos seus vehículos ás marchas.

En Pontevedra, a vicesecretaria de Política Social do PP, Ana Pastor, e os deputados Pilar Rojo, María Ramallo e Javier Bas mantiveron un encontro con representantes da concertada, aos que trasladaron o apoio dos populares ás súas reivindicacións.

"A liberdade non é un privilexio, é un dereito e os pais teñen dereito a elixir a educación dos seus fillos, sen que outros decidan por eles", sinalaron ao termo da reunión, segundo recolle un comunicado.

Protesta contra a Lei Celáa en Ferrol. PLATAFORMA MÁIS LIBRES
Protesta contra a Lei Celáa en Ferrol. PLATAFORMA MÁIS LIBRES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ponteareas

Lamentabelmete séguese a pagar con cartos públicos o ensino privado. Eu recomendarialle ao pais e as nais que levan as súas crianzas a estes centros, que lesen o texto, porque a quen beneficia é a estes usuariós, limitandolles o pago de cotas mensuais. Se eu lvase á miña filla a un destos centros estaría encantado con esta lei.

1 Ponteareas

Lamentablemete seguese a pagar con cartos públicos o ensino privado. Eu recomendarialle ao pais e as nais que levan as súas crianzas a estes centros, que lesen o texto, porque a quen beneficia é a estes usuariós, limitandolles o pago de cotas mensuais. Eu se elvase á miña filla a un destos centros estaría encantado con esta lei.