Laboratorio verbal onírico do renegado

Unha lectura forzosamente activa que move á reflexións lectoras. É 'Vattene!' de Alberte Momán, unha denuncia da impasividade e o fracaso da humanidade como a entendemos. Crítica de XM Eyré.

Por GC Tendencias | Vigo | 01/06/2013 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Título: Vattene!
Autor: Alberte Momán
Editorial: Q de Vian

Din que o malo desta vida é que é un partido sen volta, e polo tanto nada se pode facer sen ensaio previo, e polo tanto as decisión que tomamos non se poden gorecer baixo o escudo da experiencia previa que dite o mellor camiño. Din. E o malo é que ninguén, deica o momento, pode contradicilo. Como moito, está  aí a posibilidade de escarmentar en cabeza allea, mais xa se sabe o que o humano é animal que se caracteriza por tropezar, dúas e máis veces, na mesma pedra. E todo isto malia as repetidas voces que, atravesando a historia, sinalan a importancia dese inmenso banco de probas que atesoura a literatura. Porque dá a impresión de que o que mellor caracteriza o ser humano é precisamente o compracemento na autosuficiencia á hora de tomar decisións tantas veces pouco avisadas e pouco asisadas. Seica o libre albedrío consiste niso, en facer cada un o que lle peta, e como é a súa libre decisión debe ser respectada e comprendida aínda que sexa monstruosamente errada, está no seu dereito. Seica a humanidade pode chegar a ser tan simple.

Nestas, a escrita singular de Alberte Momán déixanos unha nova pedra de toque onde constatar a esencia do ser humano, nesta Vattene!, novela breve onde experimenta con aquilo do que sería capaz o ser humano se se lle concedera a posibilidade dunha segunda orixe. Se a segunda orixe que mecanoscribiu Manuel de Pedrolo chegara a materializarse. Case nada, por algo o protagonista se refire a ela como “ a máis impresionante historia xamais contada” (12), pois en definitiva hai que interpretala como a propia historia da humanidade e do que é capaz. Así as couas, a personaxe protagonista experimental é forzada a encarar unha “segunda orixe”, ou non é que a fin de contas recomezamos a nosa particular historia ao erguernos cada mañá? Ficando o texto da novela nunha pouco definida posición entre o onirismo ( pouco explorada aínda a facultade humana para soñar, pouco explorada aínda facultade de re-crear virtualidades na súa mente, pouco é o caso que se lle fai en comparanza coas re-creacións virtuais en máquinas computadoras), o surrealismo ( un surrealismo, coma sempre, un tanto patético) e o simbolismo ( a linearidade intrepretativa é signo de debilidade e excesivo simplismo). Fixando estas coordenadas unha manifesta preocupación existencial que afasta o texto de calquera capricho pirotécnico verbal

Dado que a humanidade non pode zafarse da dualidade ben-mal, dado que ninguén pode ficar inmune aos efectos demos interiores, a pregunta de partida é: ata onde pode chegar o ser humano utilizando a violencia como ferramenta para o seu desenvolvemento persoal? A cal non é ningunha pregunta sen vixencia nos días de hoxe, ou esterilmente abstracta; non, calquera sabe da importancia da industria armamentística para sociedade capitalista que nos posúe. Velaí logo que o protagonista central, experimental e simbólico, parta cun AK-47para esta misión de atopar un camiño novo para unha humanidade nova. Ou que sinta esa ansia incontible por andar, sen iso sexa sinónimo de avanzar. Ou que unha vaca o auxlie de tal maneira. Ou que permaneza insensíbel aos avisos  que lle van surtindo ao camiño, qu epermaneza insensíbel ou que sexa incapaz de gobernarse desde o seu coñecimento. Pois, os enclaves das tres coordenadas antes mentados, hanse ver auxiliados pola concorrencia dun cuarto que, desde o mesmo inicio, está aí, permanentemente de fondo: o absurdo. Si, toda historia camiña á beira do absurdo igual que propia historia humana beirea constantemente o absurdo máis lamentábel. Así, xa non só será moi grave que cando atope humanos teña con eles un comportamente frío, distante, violento. Porque será peor cando o humano que lle se aparece diante é un símbolo da arte e da sabedoría ( Leonardo da Vinci) a piques de morrer; entón, ao protagonista experimental central só se lle ocorre pedirlle que vocalice mellor. Non quedándolle outra que autoconsiderase xa como un renegado da humanidade, cando un lobo sexa quen de falar con máis peso que el mesmo, ese lobo ao que lle cede o corpo de Leonardo. Ou cando contemple como un cura viola a muller que el mesmo matara, gratuitamente e accidentalmente, antes

Do absurdo ao simbolismo, a vaca ofrécelle a súa pel. Porén aínda non se chegouao clímax surrealista, que terá lugar cando adolescente, voluntario para acabar coa violencia, se ofrece como schmürz ( ese ser que ten a súa función vital en permitir que os demais mallen nel cando lles apeteza, lembrando a Boris Vian), de xeito que en lugar de lograr que a violencia cese o que fai é permitir que esta sexa cada vez máis arbitraria.

E é agora o momento de indicar que unha das virtudes narrativas meirandes desta novela breve, radica  no feito de que os diferentes clímax de cada un dos enclaves que definen a novela, non anule os demais nin se superpoña a eles, senón todo o conatrario, que cada un se vaia apoiando nos demais.

Como é tamén o momento de indicar que o experimento narrativo non resulta infructuoso, senón que se chega á conclusión de que o ser huamno só terá unha boa educación cando sexa a inocencia quen o guíe.

Evidentemente, esta narrativa entre fronteiras, escrita en estilo elevado, serio e formal, ten unha lectura que forzosamente debe ser moi activa. Pois o texto  quere ser, e é, catalizador de reflexións lectoras. Á vez que denuncia da impasividade, e o fracaso da humanidade como a entendemos.

Alberte Momán
Alberte Momán | Fonte: fannyalexander.net

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Somachigún