Nace o primeiro clúster do medio ambiente en Galicia co gallo de protexer a natureza

Fúndase co obxectivo de "ser un referente" no desenvolvemento e implantación de tecnoloxías, procesos e solucións referidas ao medio ambiente en Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

VIRATEC, Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, celebrou este luns a súa Asemblea Fundacional como primeiro clúster de medio ambiente en Galicia, que conta coa participación de 55 empresas e entidades e 2.000 millóns de euros de cifra de negocio, segundo indican a través dun comunicado. 

Comisión xestora de Viratec
Comisión xestora de Viratec | Fonte: remitida

VIRATEC nace co obxectivo de "ser un referente no desenvolvemento e implantación de tecnoloxías, procesos e solucións ambientais, a nivel local, nacional e internacional", indican. A súa misión pasa por incrementar a capacidade tecnolóxica e de innovación e a competitividade das empresas galegas que achegan solucións ambientais, a través do fomento dun ecosistema de cooperación pública-privada co que "contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade galega e a preservación do seu medio ambiente, baixo os principios da economía circular".

Desta maneira, VIRATEC pretende "aglutinar todos os actores galegos" involucrados nas solucións ambientais: empresas, provedores, clientes, universidades e centros tecnolóxicos,

entre outros. Tamén busca fomentar entre eles actividades conxuntas de I+D+i tecnolóxico ambiental e apoiar, coas solucións desenvolvidas, tanto á Administración como a outros sectores.

"Esperamos incrementar o valor económico do sector, fomentando o emprendemento, creando colaboracións sólidas de recoñecido prestixio no ámbito académico, de investigación e o desenvolvemento tecnolóxico en materia de medio ambiente, e fomentando a internacionalización do sector", resumen no comunicado.

ASEMBLEA FUNDACIONAL

A comisión xestora e as empresas e entidades que forman o Clúster VIRATEC reuniuse de forma telemática e presencial nas instalacións de FEUGA para celebrar a Asemblea Fundacional, na que se aprobaron os estatutos e a xunta directiva do Clúster. No acto estiveron presentes Julio Masid, Director Xeral de Viaqua; Josefa De León, Directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb; Helena Penas, Responsable Técnico da Unidade de Biogás de Norvento Enerxía e Juan Lema, Director de CRETUS.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

VIRATEC estes clusteres moito me temo que teñamos que financiar con cartos públicos a algunha empresa privada como VIAQUA