Mariscadores do Burgo esixen compensacións polas obras de dragado que lles impedirán faenar na ría

Os afectados piden "certezas" de que terán ingresos cando se paralice a extracción de marisco polo inicio dos traballos.

Por E.P. | A CORUÑA | 24/11/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Mesa da Ría do Burgo, formada por concellos da comarca, a Universidade da Coruña (UDC), a Plataforma en Defensa da Ría e a Confraría de Pescadores da Coruña, enviará unha carta ao Goberno central e á Xunta para que ambas as administracións acorden as compensacións aos mariscadores que pararán a súa actividade polas obras de dragado.

Segundo explicou o representante do colectivo de mariscadores a pé, Manuel Baldomir, o colectivo esixe "certezas" de que terán ingresos cando non poidan faenar. "Antes de que chegue a paralización teñen que estar acordadas e levadas a cabo as compensacións; sería ridículo que nos manden para casa", advirte.

Os afectados reclaman que haxa "acordo" entre ambas as administracións e que sexa só una delas ou as dúas as que realicen as achegas económicas. "Teñen que dar certezas ao sector marisqueiro de que non nos imos para casa sen gañar un euro", engadiu Baldomir.

Representantes dos concellos da Coruña, Culleredo e Cambre, así como o reitor da UDC e membros da plataforma e a Confraría, asinaron o documento, que se remitirá a Executivo estatal e autonómico para que tamén se impulse unha comisión de seguimento do proxecto de limpeza da ría.

"É importante seguir de primeira man como se desenvolven os traballos e saber se hai incidencias durante as obras", defende o representante dos mariscadores, que aposta por vixiar que o plan se desenvolve "sen danar os bancos marisqueiros nin o medio ambiente".

AXILIDADE

Baldomir lembra que xa solicitaran encontros cos responsables de Goberno central e Xunta, pero sen éxito, por iso esperan que esta carta teña contestación. "Todo leva tempo, por iso pedimos axilidade, porque non nos gustaría que se paralizasen os plans de explotación sen darnos unha solución", insistiu.

Ademais, o portavoz do colectivo tamén pide celeridade ao Executivo central para que se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) a licitación do proxecto para que as empresas presenten as súas propostas. "Canto antes se faga, antes será unha realidade a ría limpa", apostilou.

Ría do Burgo. GOOGLE MAPS - Arquivo
Ría do Burgo. GOOGLE MAPS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta