Críticas ao proxecto de lei de demografía por "natalista" e non tratar o despoboamento de maneira transversal

A lei obrigará a "promover recursos de conciliación para atender as novas necesidades de conciliación derivadas de situacións epidemiolóxicas de carácter extraordinario", tanto para atender a nenos como maiores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2020 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A lei de impulso demográfico arrincou a súa tramitación parlamentaria este martes, tras salvar as emendas de devolución presentadas pola oposición, que criticou, entre outras cuestións, que o texto é "natalista" e non aborda de forma transversal a cuestión demográfica.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, usou o dereito que ten o Goberno a intervir en calquera momento para tomar a palabra e "tender a man" a BNG e PSdeG, así como proporse "convencer" a este partido para a pesar das discrepancias iniciais, conseguir a "unanimidade" da Cámara.

Este proxecto lexislativo naceu despois da estratexia de demografía de 2013 e chegou a finais da pasada lexislatura á Cámara galega, pero non foi tramitada pola convocatoria electoral. A normativa prevé 800 millóns de euros anuais, segundo a memoria económica, para alcanzar os obxectivos da normativa, que contou co asesoramento do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica e aceptou boa parte das indicacións do Consello Económico e Social (CES).

En palabras da conselleira, a Xunta quere que constitúa unha "lei de país, non de goberno" e por iso, non é "100 por cen" a normativa do seu departamento, pero si "100 por cen dialogada", polo que subliñou que a súa apelación ao acordo non responde a necesidades "aritméticas", senón a esa vontade.

"Chega para cumprir unha dobre función: blindar e consolidar todos os avances", remarcou a titular de Política Social sobre un texto "complexo e poliédrico" no que se establecen os "principios reitores", pero que despois serán "definidos" por normas de menor rango: "Sería unha intromisión moi negativa para os gobernos que nos sucedan", salientou sobre ir a unha maior concreción, como consideraron as portavoces da oposición, Olalla Rodil (BNG) e Mariña Ortega (PSdeG) que debía ser.

Fabiola García defendeu o texto que iniciou a súa tramitación asegurando que as emendas á totalidade "non teñen ningún razoamento" que as xustifique. Ademais, contrapuxo o seu compromiso co do Goberno central e a súa estratexia nacional, á que "enviarán máis alegacións" nos próximos días á marxe das que xa foron remitidas.

"NATALISTA"

Os grupos da oposición defenderon, pola súa banda, as súas emendas de devolución, baseadas en que, ademais dunha concepción "natalista", non abordan a problemática no seu conxunto e de forma "transversal". "Parece que lles dea urticaria as emendas de totalidade e esta cámara", reprochoulle a deputada do BNG Olalla Rodil, quen dixo que case era "para botar as mans á cabeza" apelar a Fraga no inicio do seu discurso, unha persoa que "se gababa de non tocar un preservativo" na súa vida. A iso respondeu a deputada popular Raquel Arias, quen subliñou que é "tan caduco" como "a frase deses principios dos 90" que dicía que Fraga "quería pór a parir coma se fosen coellas" ás galegas, como "está dito" nesta cámara.

Olalla Rodil quixo cambiar o enfoque da lei e dixo que un país envellecido é "algo do que sentirse orgullosa", no sentido de que significa que hai máis esperanza de vida. "O reto deste país (e das sociedades occidentais, precisou en varios momentos) é adaptarse a esa realidade", incidiu a parlamentaria, quen indicou que un dos maiores puntos débiles é a emigración dos mozos pola súa "dobre" vertente: a perda de poboación e que os fillos destas persoas nacen fóra de Galicia.

Rodil, que felicitou de forma "honesta e sincera" á conselleira polo diagnóstico realizado no texto lexislativo, advertiu de que "non corrixe os problemas de fondo e estruturais" e sintetizou tres ideas: "é unha lei infestada de declaracións de intención e ocorrencias, insiste en políticas natalistas fracasadas" e obvia que a demografía "ten máis que ver coa economía que coa natalidade".

Ademais, considerou que se trata dunha lei "vaga" que fala de "promover e desenvolver" pero sen compromisos, ao que a conselleira respondera previamente asegurando que se trataba de "principios" e que o detalle irá en normativas de rango menor.

PAPEL MOLLADO

Pola súa banda, a deputada socialista Marina Ortega manifestou que este texto "confirma que o Goberno non existe nin ten compromiso nin rumbo nin medidas para facer fronte" ao reto demográfico. É "papel mollado", considerou Ortega, quen lamentou que non se trata dun documento "transversal".

A deputada socialista sinalou que "hai nenos de raíces galegas que están a crecer fose" e coincidiu en que o envellecemento ten parte da súa orixe neses "episodios migratorios". O PSdeG tamén lamentou que é un texto "con exceso de indeterminaciones e falta de concreción" e "obvia" o "potencial de concellos, de cooperativas, de persoas emprendedoras...". "É unha lei baleira", lamentou.

Raquel Arias tamén quixo "tender a man" aos grupos da oposición e pediulles, así mesmo, definirse a "favor ou en contra". A parlamentaria do PP remarcou que a lei busca unha Galicia "inclusiva" e aposta por que os galegos teñan "o modelo de familia que queiran" baixo unha Galicia "sustentable, social e económica sen diferenzas para o rural".

AS EMENDAS RECOLLERÁ A SITUACIÓN COVID

A lei que agora arrinca a súa tramitación parlamentaria pasará polo trámite de emendas na que están previstas incorporacións, polo menos, a proposta do Grupo Popular, como consideracións que teñen que ver coas situacións de pandemia.

Entre outras cuestións, a lei obrigará a "promover recursos de conciliación para atender as novas necesidades de conciliación derivadas de situacións epidemiolóxicas de carácter extraordinario", tanto para atender a nenos como maiores.

Ademais, a normativa tamén lexisla sobre a asistencia sanitaria á reprodución no seu artigo 42. Este punto da lei sinala que a Administración autonómica "adoptará, de maneira progresiva, medidas tendentes a que as persoas que necesiten reprodución asistida como medio para ter descendencia, poidan dispor de asistencia sanitaria e dos medios precisos para tal fin".

Nun segundo punto, recolle que a Administración autonómica "desenvolverá campañas de información e sensibilización que fomenten as doazóns necesarias para os procesos de reprodución asistida". A través das emendas dos populares engadirase que o Sergas garantirá o tratamento de reprodución asistida a aquelas mulleres cuxos problemas de fertilidade veñan derivados dunha patoloxía".

Precisamente, a este aspecto referiuse o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, na súa comparecencia posterior ao debate da lei no pleno, na cal subliñou a "decisión de contribuír" desde o departamento autonómico que dirixe "potenciando os tratamentos de fertilidade".

Pleno no que entra a trámite a lei de impulso demográfico coa intervención da conselleira Fabiola García
Pleno no que entra a trámite a lei de impulso demográfico coa intervención da conselleira Fabiola García | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

2 Gamela

6. Facilitar a apertura de negocios en vilas e aldeas (restauración, panadería e pastelería) con reducción de taxas. 7. Escolas de intercambio cultural de experiencias entre Concellos, aldeas e lugares - Obtención do título homologado de Animador Socio Cultural para a Reconstrucción e a Resiliencia. - Favorecer a aprendizaxe de idiomas a nivel básico (comunicación) con viaxes aos países de orixe dos inmigrantes. 8. Ante estas vantaxes competitivas Galicia será un destino preferente para vivir e incrementar a natalidade. 9. Ao cabo dos DEZ anos: avaliación externa e pública do Proxecto Galicia (auditoria contable, productividade dos responsables, problemas xerados pola iniciativa, propostas de mellora, eliminación e ampliación de accións) 10.O prazo de execución de calquera acción concreta non pode exceder os DOUS ANOS dende o inicio do Proxecto. Abrindo as portas de Galicia á VIDA, todos gañamos VIDA !

1 anonimo

Eso é totalmente idealista. ¿ Con qué cartos, con qué medios facer todo eso ? Todo perfecto e todo gratis para todo mundo. Simplemente,non hai medios. E dicir que un proxecto demográfico é " natalista" e dicir que pódese cambiar o modelo de sociedad senil en que vivimos sen ter nenos. Outra toleada.

2 Gamela

Douche a razón no modelo de sociedade senil pero cartos haberá se a UE cumpre o prometido, o malo é que esta tropa volverá a gastar eses fondos no de sempre... Onte mesmo a ministra de Industria (Reyes Maroto) comprometeu 10.000 M para o Clúster do Automóbil (qué orixinal) ? Un proxecto demográfico precisa de xente nova e condicións de vida (a natalidade será consecuencia inevitable!) agás que pretendas inseminar á forza á poboación fértil coma ás vacas ? https://i.gal/gam24

1 Gamela

Hai dúas semana envieille ao Presidente da Xunta este Proxecto (de balde) :: PROXECTO GALICIA 1. Reconstruir tódalas aldeas e lugares con criterios de sostibilidade medioambiental (arquitectura e paisaxe) 2. Repoboar as vivendas baleiras no rural e nas pequenas vilas con inmigrantes por un período de DEZ anos. 3. Dixitalizar tódolos servizos básicos dos Concellos: - lixo (reciclaxe, compostaxe) - auga (consumo e depuración) - luz e gas (fotovoltaica, eólica, hidráulica, mareomotriz, aproveitamento de xurros) - democracia (Plenos via streaming con posibilidade de participación por chat) 4. Ampliar a fibra óptica a tódolos Concellos de Galicia (concurso competitivo entre empresas solventes) 5. Seguir subvencionando o transporte interurbano e mellorar frecuencias e servizos (app en tempo real das liñas de bus)