Case 17.000 mulleres solicitaron información ou axuda nos CIM municipais de Galicia en 2019

A distribución dos CIM é claramente desigual entre as provincias costeiras e as de interior, de modo que a suma dos centros das provincias de Lugo e Ourense non alcanzan a cifra dunha soa das provincias do litoral, coas dificultades de acceso que supón unha gran dispersión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2020 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

Unhas 17.000 mulleres solicitaron en 2019 información ou axuda nalgún dos centros de información á muller (CIM) de titularidade municipal situados na Comunidade.

Así se desprende dun estudo difundido este martes pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), no que se precisa que se trata do primeiro informe de análise global sobre o sistema e asistencia á muller prestado polos municipios galegos. A iniciativa xurdiu a raíz das preocupacións trasladadas por parte da Asociación de Profesionais dos CIM (Asocim) ao presidente da Fegamp, Alberto Varela.

O informe, baseado nos datos de 74 dos 82 CIM galegos, desvela que en 2019 ao redor de 17.000 mulleres solicitaron algún tipo de información ou axuda nestes centros.

Tamén constata que a distribución dos CIM é claramente desigual entre as provincias costeiras e as de interior, de modo que a suma dos centros das provincias de Lugo e Ourense non alcanzan a cifra dunha soa das provincias do litoral, coas dificultades de acceso que supón unha gran dispersión.

Aínda que a maioría dos centros atende a mulleres de municipios da contorna que non contan con este servizo, detéctanse cinco comarcas na 'Sombra'.

CALIDADE ASISTENCIAL

Unha das preocupacións do persoal destes centros é a calidade asistencial nos CIM máis desbordados, xa que a lei non fixa cocientes de traballadores en función da demanda nin dos servizos prestados.

Así, tan só un 5 por cento dos CIM contan con persoal administrativo que alivie nas tarefas burocráticas a quen se encargan da asesoría xurídica ou psicolóxica ou que evite interrupcións durante a atención ás usuarias por "ter que abrir a porta ou coller o teléfono".

Aínda que si se garante o mínimo de 10 horas de atención semanal esixidas pola lei para obter a certificación, o persoal a tempo parcial non é unha excepción.

FINANCIAMENTO

Segundo o estudo, o financiamento tampouco responde as necesidades reais; os fondos europeos xestionados pola Xunta de Galicia teñen un máximo de 45.000 euros, independentemente dos requirimentos, de forma que o CIM que máis usuarias atende (Vigo, 1.060 mulleres) recibe a mesma cantidade que un centro con 250.

A forma de financiamento dos CIMs varía considerablemente en función do tamaño do municipio; mentres que nos centros máis pequenos o orzamento depende máis das subvencións, a medida que a demanda, as necesidades e os servizos prestados aumentan, os concellos ven obrigados a facer un importante esforzo orzamentario, "chegando a achegar ata o 88% do financiamento do centro".

DEMANDAS

A Fegamp incide en que sería desexable, na medida do posible, que todas as mulleres "teñan garantido o acceso a un CIM municipal e que este dereito non dependa das posibilidades dos concellos".

Para iso, en base á análise dos datos do estudo e ás inquietudes dos traballadores, apélase ao desenvolvemento dunha estratexia autonómica que estableza criterios de localización e prestación servizos tendo en conta factores como a xeografía, a densidade poboacional e as características sociodemográfricas.

Así mesmo, tamén se avoga por mellorar a lei e o sistema de financiamento establecendo cocientes que permitan aumentar a calidade asistencial.

Teléfono de asistencia 016 para atender situacións de violencia de xénero
Teléfono de asistencia 016 para atender situacións de violencia de xénero

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta