O conselleiro de Educación defende que hai que "coidar igual" a concertada ca o sistema público

Educación manterá os concertos educativos actuais na medida que o permita a norma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, advertiu este mércores que a nova reforma educativa, a chamada 'Lei Celaá', pon en risco a imparcialidade do traballo da Inspección educativa coa modificación dos criterios de acceso a este corpo de profesionais.

Reunión do conselleiro Román Rodríguez con representantes da inspección educativa. XUNTA
Reunión do conselleiro Román Rodríguez con representantes da inspección educativa. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así o trasladou en declaracións aos medios antes de reunirse con representantes deste colectivo de traballadores, a quen considera "a clave de bóveda" da innovación do sistema educativo galego.

Rodríguez lembrou que ata o momento os inspectores adquirían dita condición tras participar nun proceso de oposición "de alto nivel" no que debían demostrar e deixar constancia das súas capacidades e coñecementos do sistema, a organización e as diferentes características de innovación pedagóxica. "Esta lei abre a porta a que os inspectores poidan ser elixidos de modo arbitrario, practicamente a dedo" por responsables políticos, advertiu.

"Imos escoitar as súas inquietudes e intercambiar opinións e preocupacións sobre a Lei Celaá", explicou, posto que o seu papel foi "clave" nos últimos anos para "medir e xustificar as importantes accións" desenvolvidas en Galicia.

DEFENDER A CONCERTADA

Román Rodríguez insistiu en que este cambio na normativa está a xerar "unha gran preocupación" no sector e trátase "dunha debilidade" que se une a outros elementos que se atopan en pleno debate ante a opinión pública, como é a liberdade de elección dos pais do centro educativo que queren para os seus fillos.

Refírese, en concreto, aos colexios concertados, un modelo que defendeu como "parte do sistema educativo" e "que está na Constitución", e que a Xunta manterá en termos similares aos actuais "respectando os marcos legais".

"Non se pode estigmatizar en ningún momento", insistiu Rodríguez, ao entender que este modelo, "avalado por moitísimas sentenzas", forma parte da "realidade" e trátase dunha alternativa que hai que coidar "igual" que o sistema público.

Por todo iso e ante o "abandono de funcións" que realiza o Ministerio, ao "romper absolutamente coa estrutura do sistema educativo de España", a Xunta aplicará a norma a través do seu "desenvolvemento con criterios galegos" e para manter o modelo educativo do Goberno autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta