O PPdeG acusa o Goberno de escoller "o camiño da imposición" en política fiscal e educativa

Tellado tacha de "barbaridade" que "os independentistas cataláns decidan a política fiscal de toda España"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2020 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O PPdeG, a través do seu secretario xeral, Miguel Tellado, acusou o Goberno central que preside Pedro Sánchez de elixir "o camiño da imposición" tanto en política fiscal como educativa e de "rexeitar todas as propostas que non veñan de extremistas ou radicais".

Así se pronunciou Miguel Tellado nunha rolda de prensa este sábado, celebrada antes de manter unha reunión co comité de cidades da organización xuvenil dos populares, as Novas Xeracións.

Un encontro no que, segundo avanzou, abordarían a reforma educativa do Executivo central, a coñecida como 'Lei Celáa', que a xuízo dos populares "é un desastre para a educación en España" que dificultará a capacidade dos alumnos de "competir" cos mozos que estuden en Alemaña ou Reino Unido.

"É unha lei partidista, ideolóxica, que restrinxe o dereito a decidir das familias e que usa a lingua como unha causa de conflito, de disputa", sinalou Tellado, que considera a LOMLOE como unha "nova imposición" do Goberno central "que restrinxe a liberdade" e "deixa sen capacidade de elección ás familias máis humildes".

"A educación non pode ser unha moeda de cambio para a negociación dos orzamentos. Sánchez non pode suplir a falta de apoios parlamentarios entregando a educación dos nosos fillos aos independentistas", engadiu Miguel Tellado, que tamén aproveitou a súa comparecencia ante os medios deste sábado para criticar o acordo alcanzado entre PSOE e ERC para que os cataláns presten o seu apoio ao PGE.

Neste sentido, o tamén deputado no Parlamento autonómico cualificou de "barbaridade" que "os independentistas cataláns decidan a política fiscal de toda España", á vez que alertou de que "a pretendida harmonización fiscal" pode ser "un novo eufemismo para ocultar unha subida de impostos".

Deste xeito, incidiu en que "a única harmonización" no ámbito fiscal que o PPdeG acepta "é á baixa". "Os galegos non estamos dispostos a pagar as embaixadas de Cataluña ou as quimeras do independentismo vasco e catalán", engadiu.

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG. PPDEG
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG. PPDEG | Fonte: Europa Press

CRÍTICAS AO BNG

Así as cousas, e tras censurar que o Executivo pretenda "impor unha política fiscal que só atende aos intereses dos socios de goberno do PSOE", dirixiu as súas críticas ao BNG por apoiar a investidura de Pedro Sánchez a comezos de 2020.  Para Tellado, é "paradigmático" que a "estratexia" da líder do BNG, Ana Pontón, sexa "permitir" a fiscalidade de Galicia "se fixe de Barcelona". "Corenta anos de nacionalista a servizo do independentismo catalán", engadiu o secreterio xeral do PPdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 JRxc

Alias “o guapo”