Traballadores da UCI do Hospital Clínico de Santiago escenifican o "enterro" do servizo público sanitario

Os participantes na procesión dirixiron rogos á xerente do hospital nos que "pediron" polos traballadores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/11/2020 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Algúns dos traballadores da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Clínico de Santiago de Compostela escenificaron este luns o "enterro" do servizo para reivindicar o "abandono" da unidade por parte da xerencia do hospital e da administración no que constitúe o terceiro luns de reivindicacións.

Traballadores da UCI do Hospital Clínico de Santiago escenifican o 'enterro' do servizo público sanitario
Traballadores da UCI do Hospital Clínico de Santiago escenifican o 'enterro' do servizo público sanitario | Fonte: Europa Press

Ás doce da mañá, membros da UCI, vestidos de negro e portando globos e caraveis como símbolo de loito, reuníronse ás portas do hospital santiagués para dar comezo á protesta que, representando unha procesión, percorreu a avenida que dá acceso ao complexo hospitalario.

"A problemática afecta a todo: unha UCI obsoleta, con cubículos abertos, algo que nos obriga a traballar continuamente cos EPIs postos, durante as dez horas da quenda e onde, tanto pacientes como familiares, poden ver todas as actuacións, o que lles pode afectar psicoloxicamente", manifestou Alberto Rodríguez Lamas, enfermeiro da UCI e portavoz que, vestido de sacerdote, lideraba a procesión.

Os traballadores reclamaron unha UCI "digna e segura", tanto para os sanitarios como para os pacientes e familiares, e fixeron especial fincapé nos problemas aos que se enfrontan cos EPIs. "Os traballadores acaban con úlceras na cara polas máscaras, e teñen medo a quitarse os EPIS, xa que é o momento de máis risco, así que moitos tentan aguantar toda a quenda sen ir ao servizo, por exemplo", declarou Alberto Rodríguez.

Nesta liña, a comitiva esixiu, mediante cánticos, unha formación adecuada para os profesionais, así como un tratamento psicolóxico adecuado para os sanitarios. "Non hai obras nin persoal, e o pouco que queda xa non pode máis", corearon os manifestantes.

A xornada laboral, especialmente as quendas e as libranzas, foi outra das reclamacións dos sanitarios. "Como cos contratos que temos aquí son de días, dun mes; non se sabe cando se vai librar... moitos sanitarios decidiron abandonar Galicia. Esa falta de persoal provocou que nos chamasen a nós, despois de terminar a nosa quenda, para continuar traballando", manifestou o enfermeiro que capitaneou a protesta.

ROGOS EN ORACIÓN

A comitiva, na que desfilou un cadaleito en representación dos dereitos dos traballadores, así como dúas "viúvas" que portaban unha coroa coa inscrición "os traballadores que loitaron por ti", coreou diversos rogos dirixidos á xerente do hospital, a doutora Eloína Núñez Masid.

"Por uns contratos dignos, rogamos unha oración; polos traballadores que teñen que dobrar quenda, dobramos unha oración", dirixía o 'sacerdote', ao que a comitiva contestaba: "Rogámosche, Eloína".

Respecto da posición do hospital, Alberto Rodríguez declarou que chegaron "ata aquí" porque "despois de moitas pelexas coa xerencia do hospital, non chegaron a ningún acordo e eles tampouco fixeron ningunha proposta". "Así que temos que asistir ao enterro de nosa UCI", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta