O xulgado inicia a tramitación para declarar o falecemento de Sonia Iglesias, desaparecida hai dez anos

O procedemento foi iniciado a petición da familia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/11/2020 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

O Xulgado número 5 de Pontevedra, con competencias no ámbito de Familia, deu luz verde ao comezo da tramitación precisa para declarar o falecemento de Sonia Iglesias, desaparecida hai máis dunha década.

A pontevedresa Sonia Iglesias.
A pontevedresa Sonia Iglesias.

Fontes xudiciais confirmaron que o procedemento foi iniciado a petición da familia, que solicitou a declaración do falecemento hai dúas semanas. Deste xeito, comezáronse "os trámites oportunos" para a súa realización.

Sonia iglesias Eirín, unha muller de 38 anos de Pontevedra, foi vista por última vez en agosto de 2010, tras o que a súa parella, Julio Araújo, con quen estaba en trámites de separación, presentou a denuncia pola súa desaparición.

Precisamente, Araújo, a única persoa investigada pola desaparición de Sonia, coa que tiña un fillo en común, faleceu no seu domicilio o pasado mes de setembro aos 62 anos.

Aínda que el era o único sospeitoso da desaparición da súa parella, a investigación policial foi incapaz de reunir probas o suficientemente sólidas na súa contra, polo que o caso arquivouse xudicialmente de maneira provisional.

A última comparecencia deste home ante a Policía Nacional foi en febreiro de 2018, cando acudiu a declarar en calidade de investigado polo suposto homicidio da pontevedresa. A pesar da expectación mediática, rexeitou facer comentarios ante os medios de comunicación ou dar a súa versión publicamente.

Ademais, o pasado mes de xaneiro inspeccionouse un pozo situado nunha leira particular da zona de Pedra do Lagarto, na parroquia pontevedresa de Marcón, no marco da investigación aberta con motivo da desaparición de Sonia. Con todo, a procura foi infrutuosa e non se atoparon probas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta