O xulgado celebra este mércores a vista pola prohibición ao Franco de retirar bens de Meirás

A familia do ditador oponse ao inventario e o Estado expón o depósito xudicial dos bens.

Por E.P. | A CORUÑA | 01/12/2020 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña fixou para este mércores, día 2, a celebración da vista sobre as medidas cautelares ditadas en relación ao pazo de Meirás, polas que se ordenou inventariar os bens e impedir a súa retirada ata que por parte da xuíza non se ditamine o contrario.

A vista, fixada inicialmente para o día 27, aprazouse ata a xornada do mércores, ás 13,00 horas, no antigo edificio da Audiencia Provincial da Coruña. Será, ademais, retransmitida por streaming, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O xulgado acordou aprazar a vista a este mércores tras solicitar a Avogacía do Estado o depósito xudicial dos bens --excepto os de estrito uso persoal-- ata que non haxa unha sentenza firme e a execución definitiva da mesma. O seu titular fíxoo co "fin de dilucidar conxuntamente as medidas cautelares interesadas", así como as cuestións expostas pola familia Franco.

E é que a mesma se celebrará tras o escrito presentado polos Franco de oposición ás medidas cautelares adoptadas polo xulgado en relación aos bens existentes no pazo. Mediante elas, o xulgado acordou que, por parte de técnicos de Patrimonio, se elaborase un inventario cos bens antes da entrega do pazo, fixada inicialmente para o 10 de decembro.

POSTURA DOS FRANCO

Os Franco, tras decidir o xulgado a execución provisional da sentenza que os obriga a devolver ao patrimonio público o pazo, non se opuxeron á medida á espera de que a Audiencia Provincial da Coruña resolva sobre o recurso que presentaron contra o fallo do Xulgado de Primeira Instancia.

Con todo, si se opoñen ás medidas cautelares que establecen a realización dun inventario --para o que unha comitiva xudicial e técnicos de Patrimonio se trasladaron o pasado 11 de novembro ao pazo para solicitar material fotográfico e vídeos co que poder realizalo-- e que lles impiden retirar bens ata que a xuíza o autorice. 

Ademais, solicitaron ao xulgado que se aprace a data do 10 de decembro para a entrega, de forma provisional, do pazo e solicitan outro de "polo menos dous meses" para a retirada dos bens. O Estado, pola súa banda, expuxo, con posterioridade, que se admita o depósito xudicial dos bens para que "nada que sexa do Estado se perda", expuxo recentemente o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, sobre os mesmos.

Entre eles, están as estatuas de Abraham e Isaac, obras do Mestre Mateo; uns 3.000 volumes da colección da escritora Emilia Pardo Bazán --para as que a Xunta iniciou o procedemento de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC)--, así como obras de valor artístico e histórico.

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta