O camioneiro que agrediu a dous ciclistas a marteladas indemnizaraos con 16.000 euros

As partes chegan a un acordo que evitou a celebración da vista oral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2020 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O xulgado do penal número 3 de Pontevedra resolveu mediante un acordo de conformidade o xuízo contra o camioneiro Francisco Javier L.F., acusado os delitos de lesións e ameazas por atacar a marteladas a dous ciclistas en outubro de 2018 na PO-546, no acceso á fábrica de Ence pola estrada vella de Marín.

As partes chegaron a un acordo este martes que evitou a celebración da vista oral e o transportista aceptou a comisión dos feitos e mostrouse conforme co solicitado pola Fiscalía. En virtude do acordado, o camioneiro foi condenado polos delitos leves de lesións a tres meses de multa, por ameazas a dous meses de multa e por danos a 10, todos coa mesma cota de 10 euros ao día. Todo iso supón uns 4.500 euros.

En canto á responsabilidade civil, terá que indemnizar ao ciclista ao que golpeou co martelo na cabeza, Delfín Santiago, con 12.500 euros; mentres que ao segundo ciclista, Ángel Igrexas, deberá darlle outros 3.500 euros. Ademais, terá que pagar 779 ao Servizo Galego de Saúde.

FEITOS PROBADOS

Por mor da confesión decláranse feitos probados os recollidos no relato que fai o Fiscal no seu escrito de acusación, no que explica como sobre as 13,05 horas do día 25 de outubro de 2018 o acusado circulaba co seu camión pola estrada nacional N-546.

Cando estaba a entrar pola vía de acceso á factoría de Ence, "co fin de recriminarlle por un presunto incidente de tráfico anterior, os ciclistas situáronse diante do camión", deixaron as bicis diante do vehículo e encamiñáronse á cabina, subindo un deles ao estribo do camión chamando no portelo mentres o seu compañeiro chamaba na porta, "instándolle ambos a baixar do camión".

Agresión dun camioneiro a dous ciclitas
Agresión dun camioneiro a dous ciclitas | Fonte: Cuatro



Momentos despois, o acusado "enfadado, baixou do seu camión portando un martelo na man" e perseguiu a Ángel mentres lle dicía "ven aquí fillo de puta, ven aquí que che mato, cabrón", sen que lograse darlle alcance.

Acto seguido, o camioneiro dirixiuse cara a onde estaba a bicicleta propiedade de Ángel e "facendo uso do martelo que portaba golpeouna co mesmo e deulle patadas, tirándoa logo cara á maleza próxima".

Inmediatamente dirixiuse a Delfín, e tras gritarlle "marcha que che fodo", segundo o escrito de acusación "movido polo ánimo de causarlle un menoscabo físico, golpeouno co martelo alcanzándolle no ombreiro e no casco que levaba posto na cabeza", e logo díxolle "márchate, que te mato".

Como consecuencia da agresión, este ciclista sufriu un traumatismo cranioencefálico leve, así como un trastorno por tensión postraumática. Á saída dos xulgados, Delfín declinou facer declaracións mentres que o seu compañeiro Ángel limitouse a comentar que agora a condena "queda aí para que se saiba e que todos teñan un pouco de coidado".

Como acusación popular neste caso presentouse a Fundación Ado Moure Pro Deporte, cuxo avogado sinalou que eran "moito máis ambiciosos" e preferirían "un resultado que de verdade castigase os feitos que ocorreron", pero conformáronse con este acordo "por non prexudicar os intereses das vítimas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta