Denuncian que os concellos están "abandonados á súa sorte" ante a pandemia da Covid

A Confederación de Forzas Locais Galegas apela a aproveitar esta situación para "recuperar o terreo perdido durante os anos da plaga liberal".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2020 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

A Confederación de Forzas Locais Galegas denuncia que os concellos se atopan "abandonados á súa sorte, con recursos minguados e asumindo competencias impropias" ante a xestión da pandemia da Covid-19. "Como forzas de ámbito local, pero tamén con visión de país, vivimos case en primeira persoa os fracasos dos modelos neoliberais que dende hai anos o Partido Popular ensaia en Galicia, en todas as áreas, aínda que con mais dureza na sanitaria e na educación", sinalan dun comunicado.

Transeúntes camiñan por Sanxenxo, a 19 de novembro de 20202. Beatriz Ciscar - Europa Press
Transeúntes camiñan por Sanxenxo, a 19 de novembro de 20202. Beatriz Ciscar - Europa Press

 

Así pois, apuntan como principais eivas na xestión "os recortes sistemáticos e a privatización dos servizos sociais básicos" que deixaron ver "déficits terribles" en dotacións materiais e persoais. No ámbito sanitario, a Confederación denuncia que a "xestión semiprivada do PP" nos hospitais "non foi quen de soportar a pandemia" e que a situación nos xeriátricos "reafirma o fracaso das políticas sociais relativas á terceira idade". Do mesmo xeito, a Confederación de Forzas Locais tamén fai unha referencia no seu comunicado ao expediente aberto ao xefe do departamento de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo, que relaciona con "listas negras e persecución por motivos ideolóxicos"

No eido da educación, a Confederación critica os "mecanismos obsoletos", a "precaria dixitalización" e unha "lenta" resposta das administracións públicas que provocaron o "caos" neste novo curso. "Todas estas deficiencias evidenciadas son consecuencia dunha formulación política concreta, e da masiva destrución do tecido público social, sanitario e educativo", sentenzan.

Fronte a esta situación, dende a Confederación expoñen que é "absolutamente necesario" que o sector público sexa o motor económico e social da recuperación, e que os servizos esenciais se proporcionen de xeito "100% público". Esta recuperación, segundo explican, "debe planificarse tendo en conta as necesidades de loita contra o cambio climático"; e así mesmo, sinalan que "cómpre presionar para que a prioridade absoluta sexa o progreso das capas sociais mas desfavorecidas". Desta maneira, apelan a aproveitar esta oportunidade para "recuperar o terreo perdido durante os anos da plaga liberal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta