As verdadeiras víctimas están no paro

Todos sabemos que as medidas de austeridade son inevitables. Xustas ou inxustas, que noutrora puideran ser evadidas ou non, non o sei, pero están aí. E como están aí, están para todos.

Por Xoán Vázquez | New Yersey | 09/06/2013

Comparte esta noticia
Tamén sabemos que esas medidas son unha devaluación (nin tan) encuberta. Os efectos da devaluación encuberta nos soldos do Servizo Civil están a ser unha realidade tan ineludible como a que viviu e aínda está a vivir o sector privado. E que este proceso ha continuar ata acadar o equilibrio tamén se amosa ineludible: simplemente non hai base económica na que apoiar a infraestructura pública que nos fomos outorgando. Está claro que o noso sector público ha minguar, e moito. O que xa non está tan claro é se iso se ha lograr con xustiza e cordura ou se han prevalecer os amañes do nepotismo e  endogamia.  E podemos irnos de folga a esixirlle ao Estado o milagre do pan e dos peixes, pechar os ollos á realidade de que cada céntimo que lle reclamamos ao Estado sae do lombo dos contribuíntes, e engadirnos aos que elevaron aos altares ao Supremo portugués pola súa resolución de proclamar aos empregados do Servizo Público exentos de compartir no sacrificio extraordinario que está a descender sobre toda a poboación. E pouco, moi pouco teñen que celebrar os que se ergueron a aplaudir. Pouco porque a realidade sempre remata por se impoñer, e dez ferrados non son quince nin sete por máis dictames que despachen os Supremos de por aquí ou por aló. E pois claro que no que atinxe ao Servizo Público todos procuramos acadar o mellor posible, especialmente no que atinxe ao ensino, servizos sanitarios e seguridade cidadán.  Pero claro, ao mellor posible que poidamos pagar.   
 
Que esta crise este ben ou mal gobernada é algo absolutamente discutible. Discutible desde postulados ideolóxicos e discutible desde postulados técnicos. Que os sacrificios reclaman de ser compartidos, rigorosamente compartidos, iso está fóra de toda discusión. Como está fóra de toda discusión que un pobo soberano, como se presume o portugués, a través do seu goberno, democraticamente constituído, decide o nivel de Servizo Público que se pode atribuír. É unha cuestión de sentido común, de soberanía. Negar esa realidade reduce as folgas a algarabías desnortadas sen sustento moral, propulsoras de decadencia e pobreza. Negar esa realidade é fuxir das solucións. Non abonda con que un reclamo social responda aos máis altos valores da xustiza abstracta, pois de non acubillarse dentro dos marcos da realidade queda reducido a un quixotismo: temos o que temos e con iso nos temos que zafar. O contrario é vivir de costas á realidade.    
 
O pobo portugués está pasando por momentos moi difíciles, iso é unha obviedade. Unha obviedade tan grande como que detrás deles imos outros, se é que non estamo xa alí ao carón do precipicio das calamidades.   Non sendo esta unha guerra de sálvese quen poida, houbese sido unha verdadeira inxustiza descargar sobre os funcionarios todo o moito peso deste inconmensurable, tan grande como eximilos de asumir a súa parte da terrible carga. Peso que ou cargamos entre todos ou a todos nos ha apisoar. Alí onde os sacrificios son inevitables a equidade é indispensable.   
 
Exentos por imperativo constitucional. E aí, nese imperativo constitucional, onde a cousa se torna escura, incomprensible, tocando no ruín, pois iso implica un fuxir de solucións razoadas e equitativas. Ou acaso non é tamén unha inxustiza verter todo o peso sobre os autónomos e mailos empregados do sector privado, ou sobre os desempregados, ou aqueles que pola súa idade xa non pertence nos eidos laborais, ou baleirar os fondos de apoio a iniciativas empresarias para á xuventude. Ou mangarlle unha suba do IVA a xente que xa nin ten con que apagar a fame. Ou sexa, calquera solución que non for equitativa xa é de seu unha burla a iso que chamamos xustiza. Está claro –ou debera estalo- que hai cousas de moita máis urxencia ca que os privilexiados que estamos empregados no Servizo Público teñamos que ceder unha paga extra ou aínda enfrontar unha baixa salarial (salvadas as excepcións dos soldos máis baixos). E tampouco estaría de máis non esquecerse que os nosos soldos páganos os contribuíntes. Iso é tan certo en Galicia coma en New Jersey. Como é tan certo en Galicia coma en New Jersey que os contribuíntes non nos deben absolutamente nada. Mais niso da xustiza as cousas nunca foron moi claras, e aínda cando nos queiramos agarrar á esperanza de que a lei se inspire e acubille nos máis altos valores da xustiza, que ansie facer xustiza,  sabemos ben de sobra que a xustiza e maila lei son, nos mellores casos, curmáns ben levados, para xa nos peores transformarse en simples imperativos legais ao servizo das patricia familias e mailos seus privilexiados - o raposo ao coidado das galiñas. Esta manía de nas épocas difíciles caer en mañas feudais, rachando a sociedade entre sacrificables e intocables, pode traer consecuencias terribles, mesmo impensables. Non nos enganemos, as verdadeiras víctimas están no paro.
 
E nos períodos de pobreza cando máis irrenunciable se fan os reclamos de equidade.   A chegada de solucións a esta crise perdese nos labirintos da senrazón se os chamados a ser árbitros imparciais se transforman en proxenetas das súas propias conveniencias. Andemos amodiño, que nisto da solidariedade hai moito gato por lebre, e antes de erguernos a aplaudir a valentía dos Supremos de por aquí ou por aló, parémonos a pensar quen ha pagar os recortes orzamentarios se toda unha clase social queda exímea de contribuír na partilla dos sacrificios. Cautela, moita cautela, pois é nas épocas de miseria cando afloran os instintos máis mesquiños e ínzanse as raíces da hipocrisía e da endogamia como gramas invasoras nas leiras mal labradas.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/