A Xunta permitirá a apertura de bares e as reunións de non conviventes a partir do venres

Anticipan unha desescalada progresiva e desigual, que dependerá das circunstancias de cada territorio. Feijóo anuncia que pechará o tráfico a Portugal durante a ponte vindeira. Mantense o toque de queda ás 23:00.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Galicia "iniciará a desescalada" das medidas restritivas para frear a covid-19 o vindeiro venres. Con todo, restrinxirá a mobilidade desde e cara a Portugal desde o venres a medianoite e ata o día 9 de decembro, isto é, durante a próxima ponte de decembro. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, nunha comparecencia celebrada este mércores para detallar as decisións tomadas polo comité clínico na reunión deste martes, que se prolongou máis de catro horas.

Segundo explicou, a mellora dos parámetros epidemiolóxicos durante o mes de novembro, no que se reduciron un 25% os casos covid na comunidade, levou ao comité clínico a permitir, a partir do venres, "iniciar a desescalada" das medidas implantadas hai case un mes, coa apertura progresiva, que será desigual segundo a situación de cada territorio. De forma xeral, permitiranse de novo contactos con non conviventes, de catro persoas como máximo naqueles territorios que se atopan en peor situación e de seis no resto, e reabrirase a hostalaría, aínda que tamén con aforamentos e horarios diferentes en función da zona.

Feijóo, en rolda de prensa.. Xunta de Galicia
Feijóo, en rolda de prensa.. Xunta de Galicia

"RESPONSABILIDADE"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou este mércores á "responsabilidade" e ao comportamento "individual" dos cidadáns para que a reapertura parcial da hostalaría non derive nun aumento dos contaxios por coronavirus. É máis, advertiu de que se a curva volve subir e os datos epidemiolóxicos así o ditan, volveríanse a establecer medidas de restrición duras nas festas de Nadal. "Por iso pido responsabilidade, hoxe pido máis responsabilidade que nunca. Se a curva volve subir, volveriamos pechar aínda que estivésemos en Nadal", avisou.

Feijóo lanzou esta mensaxe na xornada posterior á reunión do comité clínico tras a que se acordou as fases de desescalada para a hostalaría nesta segunda onda da pandemia, tras a reapertura do verán, e que será gradual en función da situación de cada concello. En todo caso, o presidente autonómico advertiu de que na actual situación da pandemia non é posible falar aínda da reapertura total, como así o reflicten as fases deseñadas polo Goberno galego, que non contemplan neste momento esa posibilidade.

Ademais, este mércores, como é habitual semanalmente polo estado de alarma, celébrase o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), no que se dan cita as comunidades autónomas co Goberno central para coordinar medidas. Un dos temas que está sobre a mesa é o deseño dunhas medidas marco para a celebración das festas do Nadal, nas que, en todo caso, Feijóo dixo que debe seguir imperando a responsabilidade sexa cal for o nivel de restricións: "entre as videoconferencias e os abrazos, hai termos medios".

Galicia, como vén expresando o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presente na rolda de prensa, e o propio Feijóo, é partidaria de que haxa un marco común no conxunto do Estado e que logo se poidan aplicar certas especificidades en función das características propias da comunidade e a propia situación epidemiolmóxica.

A proposta coa que acode a Xunta á reunión desta tarde baséase en que se poidan unir "dúas unidades familiares" nas que non pese tanto o número de persoas --neste caso Feijóo puxo o exemplo de que é máis seguro que haxa 12 persoas de dúas unidades de conviventes que menos persoas pero de diferente procedencia--. Tamén lanzou dúas advertencias, que as persoas coas que se pase o nadal ou o fin de ano deben de ser as mesmas, xa que sería facer "trampa" dividirse en función das festas, aínda que en cada caso sempre sexan dous núcleos familiares.

SE OS FILLOS VIVEN FÓRA, SON OUTRA UNIDADE

Feijóo tamén explicou outra das condicións que propón Galicia: esas unidades familiares deben de ser de conviventes absolutos, é dicir, que "coman, ceen e durman" na mesma casa. Por tanto, se uns fillos, aínda pertencendo á mesma unidade familiar, viven fóra ao longo do ano, pasarían automaticamente a contar como unidades propias, é dicir, a reagrupación cos seus proxenitores suporían xa dúas unidades familiares.

Neste punto, Feijóo tamén lembrou que para aquelas persoas que veñen de fóra da Comunidade galega, está aberto desde este verán o rexistro do viaxeiro, para os que o Sergas dispón un centro de saúde ou un covid-auto para realizar un test de antígeno ou unha PCR.

"Non creo que debamos pór límites para as familias que viven na mesma casa", manifestou Feijóo, quen tamén dixo que "o lóxico é que non rompa o 24 e o 25 e o 31, uns unha noite e outros outra distinto", porque sería "facernos trampas". E no caso de que haxa familiares que se unan en dúas unidades pero con fillos menores --de 9 ou 10 anos--, a proposta da Xunta é que "non computen" nese límite de persoas (á marxe de limitar as unidades familiares).

"NON HAI RAZÓN PARA CONFIARNOS"

Feijóo advertiu de que as medidas de alivio non deben ser "síntoma de relaxación". "Non hai razón para confiarnos", advertiu o presidente autonómico, quen non pasou por alto que "segue habendo contagios" e o feito de ter unha incidencia máis baixa que o resto de comunidades segue facendo a Galicia "máis vulnerable" ao contaxio.

Deste xeito, o presidente da Xunta sinalou que "o verdadeiro reto é baixar a curva sen dar pasos atrás" e sen ter que "volver ás restricións". É dicir, baixar a curva "polo comportamento individual por cada un dos galegos".

Feijóo conveu que "despois de todos estes meses, todos sabemos o que temos que facer, mesmo na hostalaría temos que estar coa máscara salvo cando tomamos bebidas ou comida". "Non por prohibicións, senón por convicción e control persoal", manifestou o mandatario autonómico, seguro que onde se alivian restricións vanse a producir reencontros, polo que pediu precaución neles: "hai termos medios, manteñan a distancia de seguridade".

"DIFÍCIL NON ABRAZAR"

Feijóo sostivo, na súa intervención ante os medios, que "non debemos enganarnos" e que "haberá quen teña a tentación" de saltarse restricións, ante o que agradece de antemán que se reprendan estas actitudes e a colaboración das forzas de seguridade.

O mandatario autonómico comprendeu que "é moi difícil non abrazar", pero avisou de que ese xesto "pode ser un contaxio e que morra" un familiar. "Non sabemos o tempo que resta, é preciso non desfalecer para non volver atrás, para non ter que sumar outra terceira onda, para protexer o maior número de vidas posible", alentou o presidente da Xunta, quen chamou á "prudencia, a encontros responsables e con responsabilidade colectiva e individual", "máis necesaria que nunca". Para Feijóo, "sería bo consolidar" estas limitacións "moito máis laxas" e mesmo poder incorporar en próximos días a máis concellos ao alivio da hostalaría.

PORTUGAL


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou este mércores a súa preocupación pola mobilidade durante a ponte de decembro, en especial cara a Portugal, polo que avanzou que pedirá ao Goberno central o peche da fronteira co país veciño ata o día 9 e non descarta tomar medidas desde Galicia se non se "preserva a fronteira".

Nunha rolda de prensa para dar conta das novidades do plan de desescalada proposto por Executivo galego en consonancia coas recomendacións do comité clínico, o presidente galego recoñeceu os riscos de empeorar a situación epidemiolóxica se se incrementa a mobilidade durante eses días. "Imos mandar unha mensaxe moi clara aos galegos", dixo Núñez Feijóo, que os instou a "non viaxar na ponte".

En relación ao resto de España, o presidente galego falou cos seus homólogos en Asturias e Castela e León, que expoñen un peche no seu perímetro "ata pasado bastante a ponte". Neste sentido, dixo, "Galicia está pechada desde o punto de vista práctico", con excepción de Estremadura, unha información que prevé coñecer tamén nas próximas horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Ten toda a lóxica científica do mundo que os veciños das Eiras, no Rosal, non poidan cruzar a ponte, mentres que as familias numerosas do barrio de Salamanca veñan de cotillón a Sanxenxo: "- España y yo somos así, señora".