Estas son as actividades do Nadal en Santiago: mercados, autocine e recepción dos Reis Magos

A programación dará comezo este venres co aceso das luces.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

A capital galega non terá a tradicional cabalgata de Reis, pero celebrará unha recepción oficial na Igrexa de San Domingos de Bonaval á que os composteláns poderán acudir a saudar ás súas 'maxestades'. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o edil de Festas, Gonzalo Muíños, presentaron este mércores a programación municipal para este Nadal, que conta con todo de tipo de actividades culturais e para dinamizar o mercado local.

Toda a programación estará marcada polas necesarias medidas de seguridade ante a COVID-19. As crianzas poderán entregar as súas cartas persoalmente aos Reis nun encontro que se estenderá desde as 12,00 ata as 22,00 horas, o mesmo día 5 de xaneiro.

Os interesados en acudir terán que solicitar unha invitación e acudirán nunha franxa horaria concreta, en quendas duns 15 minutos para grupos dunhas 100 persoas. As invitacións, de ata dous menores acompañados dun adulto, poderán recollerse no Teatro Principal os días 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro, entre as 18,00 e as 20,00 horas.

As actividades, en todo caso, arrincarán este venres co aceso das luces a partir das 19,00 horas. En suma serán 21 quilómetros de manto lumínico LED e arcos decorativos por diferentes puntos da cidade, sobre todo no Centro histórico, o Ensanche e os ámbitos comerciais máis importantes.

As luces acenderanse entre as 18,00 e as 02,00 horas, salvo as datas do 24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, que permanecerán ata o amencer. Esta iluminación completarase con outras iniciativas lumínicas para poñer en valor personaxes destacados na Alameda ou edificios como as fachadas de San Domingos de Bonaval, Pazo de San Xerome ou a Casa da Conga.

MERCADOS E AUTOCINE

O mesmo venres 4 de decembro arrincará o mercado de Carreira do Conde, con 70 postos de decoración, alimentación e artesanía. Así mesmo, parte das quendas da iniciativa desenvolveranse tamén en Área Central, onde se instalarán parte das 'casetas'.

Unha das novidades do programa será o 'autocine' no aparcadoiro de Salgueiriños, entre o 18 e 23 de decembro, con películas para todos os públicos e para adultos.

Doutra banda, entre o 18 e 20 de decembro celebrarase o Mercado da Estrela, que se acompañará cun programa de concertos pop-rock, indie, de música tradicional, electrónica, talleres e sesións de DJ.

O domingo 27 o Auditorio de Galicia acollerá a 'Festa do Apego', cun espectáculo que acollerá a artistas en lingua galega para as crianzas máis pequenas, como Magín Branco, Xarope Tulú ou Mamá Cabra, ademais do 'Apalpador'.

OUTRAS PROPOSTAS

Outras iniciativas serán o concurso de escaparatismo, pasarúas, concertos da Real Filharmonía de Galicia e da Banda Municipal de Música; teatro, circo, maxia o Belén de San Fiz de Solovio e a Carreira de San Silvestre, adaptada ás circunstancias sanitarias. Doutra banda, tamén se impulsará o uso peonil das rúas de Xeneral Pardiñas e Alfredo Brañas entre o 4 de decembro e o 11 de xaneiro.

Luces de Nadal en Santiago de Compostela. REMITIDA - Arquivo
Luces de Nadal en Santiago de Compostela. REMITIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta