Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 20:16
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladaron o seu apoio á futbolista pontevedresa Paula Dapena que se negou a gardar un minuto de silencio por Maradona antes do partido amigable que enfrontou ao seu equipo, as Viaxes InterRías, contra o Deportivo Abanca.
Tras un encontro coa deportista, Pontón pediu que se investiguen as ameazas contra esta futbolista vertidas nas redes sociais por un xesto no que ve "valentía" e "coraxe".
"Ninguén debería vivir esa situación e aínda menos por defender a dignidade das mulleres, e que iso lle custe mesmo ameazas de morte é intolerable", opina Pontón
Nesta liña, Gonzalo Caballero pediu "respecto e liberdade" para a decisión desta futbolista que sentou de costas no terreo de xogo mentres as súas compañeiras gardaba un minuto de silencio. "Non podemos consentir nin ameazas nin insultos", deixa claro o líder socialista que tamén se reuniu con Dapena.
Deste xeito, os socialistas galegos presentarán unha serie de iniciativas parlamentarias de apoio a esta deportista galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.