A toniña, un habitual das costas galega que podería extinguirse en só 10 anos

As redes de pesca ameazan a supervivencia deste mamífero, que vén de ser declarado en perigo de extinción. Unha declaración na que tivo moito que ver a organización Cemma.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Boleín Oficial do Estado (BOE) recolle esta semana un anuncio que trae unha triste novidade ás costas galegas. A toniña, un animal mariño da familia dos cetáceos, semellante aos golfiños, vén de ser cualificada como unha especie en perigo de extinción. Este focénido, habitual do litoral galaico, pasaba así de especie vulnerable a unha categoría de maior protección polo risco para o seu futuro. 

Toniña
Toniña | Fonte: CEMMA.

Pero, por que o BOE lanza este cambio do status legal da toniña? Segundo a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), este peculiar cetáceo vén de sufrir “unha situación de conservación cada vez peor” que se deixa ver no “declive” na súa poboación. “Se comparamos a situación da especie coa que tiña na década dos 90, todos os datos son negativos”, explican dende a coordinadora.

De acordo coa mesma fonte, a redución progresiva desta especie maniféstase, en primeiro lugar, nun decrecemento do tamaño dos individuos. Segundo destacan, cada vez é máis atípico que machos e femias acaden valores próximos a 190 cm de lonxitude total, que aínda non hai moito tempo eran considerados característicos da especie en Galicia. 

De xeito paralelo, os efectos perniciosos da acción humana –principal factor tras esta redución—déixanse entrever tamén nunha perda do número de exemplares, que vén de empurrar a toniña ata a unha “situación crítica”. Esta difícil posición foi posta en valor por CEMMA en distintos proxectos e congresos, segundo destacan. Unha das principais conclusións destas xuntanzas científicos foi que, de acordo con modelos de predición matemática, a toniña podería desaparecer no ano 2030.

AMEAZAS 

O descenso na poboación de toniñas nas costas galegas vén motivada por distintos factores. Con todo, o papel da intervención humana semella ser o elemento principal que os empurra cara a extinción. De acordo coa Coordinadora, a captura accidental con artes de enmalle -é dicir, redes- sitúase como a principal causa de morte da especie nas augas galegas. As cifras son claras: na década dos 90 esta práctica supoñía o 24% da mortalidade. Hoxe é xa o 49%.

A ameaza que se cerne sobre a toniña podería rematar cunha especie cada vez menos habitual nas augas galegas pero moi representativa do noso litoral. En 2017 descubriuse que as toniñas da Península Ibérica e o norte de África son unha subespecie con trazos diferentes ás recoñecidas previamente. Agora a súa supervivencia está no aire. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta