Hostaleiros da Coruña denuncian "desprotección" no inicio dun calendario de protestas ante as administracións

Un cento de propietarios de negocios esixen axudas e prevén que se volve haber clausura en xaneiro haxa "peches e despedimentos".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 03/12/2020 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Ao redor dun cento de hostaleiros da Coruña concentrouse diante do edificio administrativo da Xunta na cidade para denunciar a situación de "desprotección" á que se enfrontan e o "descrédito" que sofren en relación á pandemia de coronavirus.

Un home recolle uns cafés dun establecemento coas novas restricións para a hostalaría
Un home recolle uns cafés dun establecemento coas novas restricións para a hostalaría | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

É a primeira concentración dunha serie para reclamar ante distintas administracións públicas medidas que compensen o peche dos locais durante varios períodos desde o inicio da pandemia. "Seguimos en pé para reclamar o que nos corresponde", explica Xabi Barral, un hostaleiro do Orzán.

O colectivo pide que lles permitan "abrir e traballar con responsabilidade" e acusan os distintos gobernos de cargarlles coa situación sanitaria. "Hai un descrédito da profesión: somos culpables de todo para tapar o desgoberno", reprocha Barral.

"As promesas e axudas non chegan e cada día estamos máis afogados", denuncian os hostaleiros, que engaden que os impostos ou taxas "non paran de chegar". O colectivo advirte de que se en xaneiro se volve ordenar outra clausura de negocios, haberá "peches e despedimentos". "Non imos salvar o Nadal, tentámonos salvar a nós mesmos", lamenta.

Os hostaleiros temen un "annus horribilis" para 2021 e lembran que os propietarios de locais de lecer nocturno "levan pechados desde o 13 de marzo".

"Reclamamos ás administracións que non nos utilicen como medio por non atreverse a confinar á poboación", engade Barral, que sinala que "todo o demais", en referencia a outro tipo de negocios, está aberto.

A campaña do colectivo continúa o venres, ante a sede na Coruña da Tesouraría Xeral da Seguridade Social para que se "paralice o cobro" das cotas de autónomos e o sábado, día 5, segue na Axencia Tributaria para pedir o "adiamento ou fraccionamento" dos impostos.

Por último, o domingo concentraranse nas proximidades do Concello da Coruña para esixir o "cobro inmediato" das axudas Presco e "maior axilidade" nas xestións municipais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta