Temas: XUNTA DIXITAL

A Estratexia Galicia Dixital 2030 prevé mobilizar 4.000 millóns e mellorar as competencias dixitais dos cidadáns

Os retos: que en 2025 o 80% de cidadáns teñan competencias básicas dixitais, máis cobertura e potenciar a administración intelixente.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/12/2020 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que a 'Estratexia Galicia Dixital 2030' prevé mobilizar 4.000 millóns de euros para "aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sustentable" co impulso de "solucións intelixentes nos planos social, económico e ambiental".

Unha persoa utilizando unha tableta xunto a un computador portátil
Unha persoa utilizando unha tableta xunto a un computador portátil | Fonte: IFS.

"Queremos planificar a próxima década desde o punto de vista da intelixencia artificial, da ciberseguridade, da xestión masiva de datos ou a consolidación do 5G", trasladou, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que deu luz verde a esta estratexia.

Como obxectivos, a Estratexia aspira a situar a Galicia como "unha rexión dixital de referencia" en Europa; implantar un marco dixital común para todas as administracións públicas galegas; desenvolver un novo marco xurídico que regule a nova realidade dixital, e buscar un ecosistema atractivo para facilitar o investimento privado.

Para logralo, preténdese mobilizar 4.000 millóns de euros no período 2021-2027, dos que 2.450 serán fondos públicos entre partidas da Xunta e fondos da Unión Europea, e 1.600 millóns de euros serán fondos de iniciativas privadas.

Este investimento, segundo explicou Feijóo, superará en 1.300 millóns de euros o que se mobilizou na última década no marco das dúas Axendas Dixitais (2014.gal e Axenda Dixital de Galicia 2014-2020). Ademais, dado que cada euro público investido achegará 1,42 euros de retorno, "producirase unha inxección na riqueza de Galicia de 3.500 millóns de euros".

EIXOS

A 'Estratexia Galicia Dixital' está dividida en sete eixos estratéxicos e un transversal, que se desenvolverán en 20 programas. O primeiro destes eixos céntrase no 'Goberno e Administración Intelixente', para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara a "un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público", así como o expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que en 2025 "o 70% das persoas e o 85% das empresas usen a canle dixital".

Tamén se aspira a unha 'Sociedade dixital inclusiva' para o que se implantarán grandes programas de formación para que no ano 2025 "o 80% dos cidadáns teñan competencias básicas dixitais e non deixar a ninguén fóra da realidade".

No eixo do 'Territorio intelixente, verde e resiliente' activaranse 4 programas para "un territorio máis sustentable, máis verde, máis conectado e cun uso máis eficaz dos recursos".

En materia de 'Contorna dixital para saúde e benestar' aspírase a empregar a tecnoloxía para conseguir "unha sanidade máis predictiva e personalizada e unha paradigma sociosanitario para mellorar a calidade asistencial".

A maiores, Feijóo incidiu na 'Conectividade dixital', co obxectivo de alcanzar o 100% de cobertura con redes de 100 Mbps en 2025 e conseguir "unha Galicia máis integrada e conectada".

A Estratexia tamén mellorará a conservación do patrimonio cultural dando máis impulso á Memoria Dixital de Galicia no marco do eixo 'Cultura e turismo intelixente'.

Así mesmo, o eixo 'Economía dixital' fomentará a transformación dixital do servizo público de emprego, a transformación dixital de pemes e transición cara á industria 4.0. O reto é "aumentar ata un 50% a porcentaxe de empresas que venden por internet e ata un 15% no caso das microempresas".

Finalmente, o eixo transversal céntrase na formación. Deste xeito, promoverase o talento dixital e actuarase para fortalecer o sector do TIC. "Queremos que o 25% das empresas e o 50% das administracións usen solucións dixitais inspiradas nestas tecnoloxías", destacou Feijóo.

Para concluír, Feijóo avanzou a elaboración dun novo marco xurídico coa redacción da Lei de Desenvolvemento de Galicia Rexión Intelixente e coa preparación dun Código Ético de referencia para blindar "unha dixitalización segura e responsable".

Ademais, crearase o Consello Asesor para a Transformación Dixital de Galicia e a Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital.

Temas: XUNTA DIXITAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 María Aspas

Llevamos años de retraso respecto al resto de Europa en lo que a nuevas tecnologías ser refiere. Es necesario invertir en material y ordenadores, pero también tenemos que poner de nuestra parte para aprender. Hay mucha gente que ni siquiera lo intenta.