Declarado BIC o Mosteiro de San Martiño Pinario, o conxunto barroco "máis valioso" de Galicia

O Goberno galego aprobou o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/12/2020 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento o Mosteiro de San Martiño Pinario, o conxunto barroco "máis valioso" de Galicia, situado en Santiago de Compostela, e inclúense no catálogo de patrimonio cultural de Galicia case 200 bens mobles do seu interior.

O documento, que entrará en vigor despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), culmina o proceso iniciado pola Xunta de Galicia en novembro do ano pasado cando se incoou o expediente e iniciouse a tramitación sen que se presentasen alegacións.

San Martiño Pinario
San Martiño Pinario | Fonte: Xunta de Galicia.

O Goberno galego realizou o procedemento no prazo dun ano, do máximo das dúas anualidades previstas pola lei marco autonómica para este tipo de procedementos --segundo destacou o presidente, Alberto Núñez Feijóo--, polo que se cumpriu co compromiso de "axilizar ao máximo" para seguir traballando na protección do patrimonio cultural.

O expediente BIC está avalado por un informe previo xustificativo da Universidade de Santiago de Compostela, e por outro da Real Academia Galega de Belas Artes e do Consello da Cultura Galega. Este último emitiu unha serie de recomendacións que se tomaron en consideración para dar "unha maior claridade na descrición do ben e dos seus compoñentes".

O decreto de declaración BIC aprobado, ademais de acreditar o valor singular e garantir a protección do mosteiro, permite tamén inscribir no catálogo do patrimonio cultural de Galicia unha relación de case 200 bens relacionados coas súas diferentes etapas históricas con valor cultural, histórico e artístico.

Entre estes bens inclúense desde o fondo documental e bibliográfico, os bens relacionados coa Imprenta do Seminario Conciliar Central, incluída a maquinaria dedicada á imprenta, encadernación e libraría, a botica, as coleccións que se atopan no mosteiro vinculadas ao patrimonio científico e técnico, así como roupa litúrxica dos séculos XVI e XX, entre outros.

Ademais, tamén delimita a contorna de protección tanto de San Martiño Pinario como doutros monumentos xa declarados nas súas proximidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta