Os xulgados póñense as pilas tras a Covid

Resolveron entre xullo e setembro un 10,4% máis de casos que nese período de 2019.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2020 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Os órganos xudiciais galegos resolveron durante o terceiro trimestre de 2020 --xullo, agosto e setembro-- 72.493 asuntos, 6.888 máis que no mesmo período de 2019 (65.605), o que supón un incremento do 10,4%.

Así o recolle o informe sobre a situación dos xulgados e tribunais, publicado este venres pola sección de estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), que tamén sinala unha subida do 7,8% nos casos en trámite, que pasaron de 157.679 a 170.025 entre xullo e setembro.

Segundo informou o CGPJ, este aumento dos casos xudiciais pendentes débese, ente outras razóns, á paralización da actividade xudicial durante o segundo trimestre do ano, coincidente coa declaración do estado de alarma pola pandemia de Covid-19.

A entrada de asuntos a trámite nos órganos xudiciais de Galicia durante este período tamén aumentou; ingresaron 76.675 casos, fronte aos 72.695 do mesmo período de 2019, o que supón un incremento do 5,4%.

OS CASOS SÓ DESCENDEN NO PENAL

Respecto das diferentes xurisdicións, rexistrouse unha subida, tanto na entrada como na resolución de procedementos, en todas as competencias, fóra da penal, onde entraron 33.943 asuntos, o que supón un 4,2% menos que no terceiro trimestre de 2019. Nos xulgados do penal entraron de media 235,72 causas por órgano xudicial.

Os asuntos da orde contenciosa-administrativo son os que máis aumentaron, xa que se iniciaron 2.241, un 33,2% máis que nos mesmos meses de 2019.

Por provincias, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, rexistráronse na Coruña 28.280 asuntos e resolvéronse 26.181, un 9,8% máis que no mesmo período de 2019. Pontevedra ingresou 27.844 procedementos, dos que finalizou 26.328. A provincia de Lugo, pola súa banda, recibiu 7.861 casos, dos que resolveu un 13,2% máis. Ourense, por último, rexistrou 8.085 asuntos e puxo fin a 7.528, un 13,3% máis que o ano pasado.

A Coruña e Pontevedra son as provincias que máis procedementos deixaron pendentes ao finalizar o terceiro trimestre. Respectivamente, 71.284 --un 9,6% máis que en 2019-- e, 55.837 --9,8% máis--.

Xuízo no Xulgado do penal número dous de Ourense, Galicia (España), a 3 de decembro de 2020. EUROPA PRESS/R.Veiga.POOL - Europa Press / Europa Press
Xuízo no Xulgado do penal número dous de Ourense, Galicia (España), a 3 de decembro de 2020. EUROPA PRESS/R.Veiga.POOL - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta