A Xunta celebra a decisión xudicial sobre os bens de Meirás: "Galicia non vai pagar dúas veces polo pazo"

A maxistrada decidiu designar o Estado depositario tamén dos bens e elementos accesorios do inmoble.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/12/2020 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cualificou de "boa noticia" a decisión adoptada pola maxistrada de designar o Estado depositario tamén dos bens e elementos accesorios do Pazo de Meirás --ata que a sentenza sexa firme-- e volveu a advertir á familia Franco que "Galicia non vai pagar dúas veces" polo inmoble: "Nin polo contido, nin polo continente".

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez | Fonte: Xunta.

Tras un acto celebrado na Cidade da Cultura de Santiago, Román Rodríguez insistiu en que "parece lóxico" que sexa o pazo como "conxunto, tanto continente como contido", o obxecto da sentenza que rexeitou que fose propiedade dos herdeiros do ditador.

E é que, aínda que a declaración do pazo como ben de interese cultural (BIC) realizada no 2008 "deixaba certas dúbidas con respecto ao contido interior" do inmoble, agora xa quedou "fixada unha defensa" dos bens que contén, "e sobre todo dos que poidan formar parte do patrimonio público".

"Algúns bens serán de uso persoal. Se a familia acredita que os comprou cos seus recursos con posterioridade á morte do ditador, supoño que serán seus. Pero os bens que estaban previamente e que foron adquiridos antes da ditadura e depositados no pazo no momento que se lle entregou a Franco, entendemos que eses bens forman parte do conxunto do pazo", recalcou.

Así, sobre o ofrecemento da familia Franco, que chegou a expor que os bens quedasen por un "prezo razoable", o conselleiro de Cultura volveu a advertir que o pobo galego "non vai pagar dúas veces" polo pazo, "nin polo contido, nin polo continente".

"Iso quedou moi claro no seu momento", recalcou Rodríguez, á vez que lembrou que a reclamación pola vía xudicial e o rexeitamento a "comprar" estes bens foi unha máxima tanto da Xunta como do Parlamento.

En calquera caso, o Xulgado de Primeira Instancia Número 1 da Coruña tamén decidiu manter a data de entrega do Pazo de Meirás para o vindeiro xoves, día 10 de decembro, ás 11,00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta