A alcaldesa da Coruña lamenta que as críticas da dirección do PSdeG saísen "da esfera interna"

Inés Rey evita pronunciarse sobre se cre necesarios cambios na dirección do PSdeG que encabeza Gonzalo Caballero.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 06/12/2020 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, lamentou que as críticas da dirección do PSdeG cara ao grupo socialista no consistorio herculino abandonasen a "esfera interna" da organización e se exteriorizasen en público.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, presenta a iniciativa cultural 'Salas Abertas'. ANDY PEREZ
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, presenta a iniciativa cultural 'Salas Abertas'. ANDY PEREZ | Fonte: Europa Press

Así se pronunciou nunha entrevista na Cadena Ser este domingo, na que foi cuestionada sobre as dúbidas expresadas polo vicesecretario xeral dos socialistas galegos, Pablo Arangüena, sobre o cumprimento da maioría dos edís do PSdeG na Coruña (incluída a rexedora) coas obrigacións económicas co partido.

"Non falo de cuestións internas por dúas cuestións: por responsabilidade co PSOE e por respecto aos meus compañeiros", sinalou Rey, que cre que esas cuestións deben darse "na esfera interna" do partido e non fóra.

Así, dixo que se atopa centrada no seu cargo á fronte do goberno e evitou pronunciarse sobre se cre necesarios cambios na dirección do PSdeG que encabeza nestes momentos Gonzalo Caballero.

Neste sentido, manifestou que lle "preocupa" o que "lle pase" ao partido no que milita, pero considera que "este tipo de reflexións" deben cinguirse ao ámbito interno.

"FEIJÓO ESQUÉCESE DA CORUÑA"

Tamén se referiu a os orzamentos da Xunta para 2021 que, segundo a alcaldesa, "esquécense" da Coruña e limítanse a "política de escaparate e de anuncios" no tocante a investimentos e actuacións na cidade herculina.

Rey defendeu que mantén unha posición de "lealdade institucional" co presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, pero censurou que a Xunta dedique "o 0,6% de todos os investimentos" á segunda cidade máis poboada de Galicia.

"Non se trata de lealdade institucional, trátase de que se esqueceron da cidade da Coruña. Está moi ben facer anuncios, pero se non van acompañados dunha partida concreta nos orzamentos, os anuncios non valen de nada", incidiu a rexedora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta