Temas: NARóN PSDEG

O PSdeG propón a expulsión de cinco militantes de Narón por "danar a imaxe do partido"

Un deles forma parte da executiva provincial que lidera Valentín González Formoso.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/12/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A secretaría de Organización do PSdeG trasladou á dirección federal do Partido Socialista o expediente aberto a cinco militantes deste partido en Narón, no que pide que sexan expulsados da formación política por considerar que son responsables de "feitos que constitúen faltas moi graves", segundo os estatutos do partido.

Gonzalo Caballero.
Gonzalo Caballero.

Trátase de Carlos Bascoy, Begoña Piñón, Jorge Perille, Vicente Rivas e Francisco José Romero Bustabad, este último tamén integrante da executiva provincial socialista, da que é secretario xeral Valentín González Formoso.

Como instrutor deste expediente exerceu Xavier Carro Garrote, quen foi deputado socialista no Congreso entre os anos 2004 e 2011.

A estes cinco militantes acúsaselles de "danar gravemente a imaxe do partido" entre xaneiro a maio de 2019, así como de condicionar "os resultados electorais" das eleccións municipais e de "atacar a imaxe persoal dos membros da candidatura municipal.

Entre outras cuestións, os expedientados acusaron o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tanto "en manifestacións aos medios de comunicación como a través das súas redes sociais", así como á súa executiva de practicar "un dedazo" á hora de elixir candidato á Alcaldía.

Unha vez pasadas as eleccións municipais, aos militantes que son propostos para expulsión, tamén se lles acusa de participar, en novembro de 2019, nunha concentración ante a sede do PSdeG en Narón para denunciar unha suposta "caza de bruxas" contra outro militante, José López Villar.

En concreto, este fora expulsado do partido despois de que se tramitase outro expediente disciplinario no que se puxo en dúbida o funcionamento correcto, legal e democrático dos diferentes órganos do partido na agrupación naronesa, un proceso que contou co respaldo da dirección galega.

Temas: NARóN PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta