Hostaleiros marchan a Madrid criticando as axudas de Feijóo: "a letra pequena come á grande"

Lanzan unha campaña solidaria para atopar onde comer e durmir durante o traxecto, que prevén concluír o 21 de decembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2020 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

Numerosos profesionais da hostalaría dos municipios de Pontevedra, Poio e Marín arroupan a once empresarios que este luns iniciaron unha viaxe andando ata o Congreso dos Deputados, en Madrid, para pedir un "rescate" para o sector.

Esperan chegar á capital española o próximo día 21, é dicir, calculan 14 días de camiñada. Teñen previsto realizar unha media de 40 quilómetros ao día, exceptuando a primeira etapa, que será a máis curta, cun traxecto de ao redor de 20 quilómetros.

Contan con que as próximas dúas semanas sexan moi duras dada a época do ano e a ameaza de temporal que hai en gran parte do país, pero esperan solicitar o apoio doutros hostaleiros, autoridades ou cidadáns que queiran acompañalos un tramo do camiño ao longo da súa localidade para axudarlles a dar visibilidade a esta causa.

De feito, a Asociación Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) lanzou unha campaña solidaria para que o 'Equipo Rescate Hostalaría' --como así se fan chamar-- poida comer e durmir durante o traxecto sen que iso supoña un gasto económico importante.

A saída foi desde a Praza de España de Pontevedra, despois dunha manifestación que percorreu varias rúas da cidade e tras a lectura dun manifesto dirixido ás autoridades locais, autonómicas e nacionais.

RESPALDO DE PP E PSOE

Antes de pór rumbo á capital, os representantes dos grupos municipais do PSOE e do PP expresaron o seu respaldo a un sector que se declara "arruinado" despois de dez meses de pandemia nos que se lles "criminalizou, acusou e discriminou, facéndoo culpable do aumento de casos positivos por covid-19 en cada desescalada", segundo afirmaron nun manifesto.

Así, aseguraron que moitos negocios xa pecharon as súas portas para sempre e outros moitos veranse obrigados a facelo nun curto período de tempo se a situación non cambia. Tamén lamentaron os suicidios de compañeiros que chegaron ao límite e cargaron contra as últimas medidas implementadas en Galicia, porque son "inviables para o 95% dos negocios".

Desde Hoempo engadiron que os empresarios seguen pagando todos os impostos "e se lles permiten aprazalos, pagan intereses" e as axudas non chegan aos seus destinatarios. "Non hai axudas. De todo o que ofrecen, a letra pequena cómese á grande e, consecuentemente, o 80% dos negocios quedan excluídos de ditas achegas económicas por parte das Administracións", criticaron.

Dous nenos achéganse a un grupo de hostaleiros antes de que inicien unha marcha en defensa do sector da hostalaría, en Pontevedra, Galicia (España), a 7 de decembro de 2020. Ao finalizar esta manifestación, en Campolongo, en Pontevedra, este grupo de s. Beatriz Ciscar - Europa Press
Dous nenos achéganse a un grupo de hostaleiros antes de que inicien unha marcha en defensa do sector da hostalaría, en Pontevedra, Galicia (España), a 7 de decembro de 2020. Ao finalizar esta manifestación, en Campolongo, en Pontevedra, este grupo de s. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta