Hostaleiros de Pontevedra completan a primeira etapa da súa andaina a Madrid para pedir o "rescate" do sector

"Facemos o camiño de Santiago á inversa para reclamar un rescate que se converteu na única opción para salvar ao sector" din os hostaleiros que marchan cara a Madrid.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 08/12/2020 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

O grupo de sete hostaleiros que o luns saíu rumbo ao Congreso dos Deputados para pedir un "rescate" para o sector, completou este martes a primeira etapa do camiño ao chegar a San Xurxo de Sacos, onde foi recibido polo alcalde de Cercedo-Cotobade e portavoz do grupo Popular na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela.

Tras a manifestación que percorreu o luns a cidade pontevedresa e a lectura do manifesto por parte do 'Equipo Rescate Hostalaría' --como se fixo chamar o grupo de hostaleiros--, a comitiva abandonou a Praza de España de Pontevedra e comezou o seu camiño a pé cara a Madrid, que os hostaleiros esperan completar en 14 días e chegar á capital o día 21 de decembro.

Nun comunicado, a Asociación Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO) destacou "a solidariedade da xente e doutros compañeiros" como o Asador Lola de Mourente, que lles regalou bebidas; ou Nardo do Asador A Freixa en Poio, que lles preparou unha cea que viaxou ata a casa rural Fontán, onde se aloxaron de maneira totalmente gratuíta. Todo iso no marco da campaña solidaria lanzada pola asociación para que a comitiva poida durmir e comer durante o traxecto sen que iso supoña un gasto económico importante.

O equipo de hostaleiros puxo en valor tamén o apoio recibido polo alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, que apelou na súa visita ao "valor das persoas" e reivindicou a unión da cidadanía "sen importar ideoloxías políticas". "É un momento enque hai que estar xuntos loitando polo ben común e a recuperación do país, tanto en termos sanitarios como socio-económicos", apuntou Jorge Cubela.

Ás sete da mañá deste martes, a comitiva retomou o camiño coa segunda etapa que, segundo o previsto, terminará no Carballino a media tarde. A este respecto, Hoempo insistiu en que esta ruta non é "unha excursión". "Facemos o camiño de Santiago á inversa para reclamar un rescate que se converteu na única opción para salvar ao sector e, polo tanto, a todas as familias que del dependen, que son moitas e nestes momentos están a pasalo realmente mal", declararon.

Nesta liña, lamentaron os suicidios de compañeiros que chegaron "ao límite" e cargaron contra as últimas medidas implementadas en Galicia, xa que son "inviables para o 95% dos negocios", á vez que defenderon un sector, que declaran "arruinado" por ser "criminalizado, discriminado e acusado do aumento de casos positivos por covid-19 en cada desescalada".

Imaxe de grupo de hostaleiros de Pontevedra que realiza a camiñada ata Madrid para reclamar un plan de rescate. HOSTALEIROS DE PONTEVEDRA
Imaxe de grupo de hostaleiros de Pontevedra que realiza a camiñada ata Madrid para reclamar un plan de rescate. HOSTALEIROS DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta