Temas: FRASEOLOXíA

“A pre”, equivalente a “en paz” (no sentido de “iguais, sen se deber nada entre si”)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 13/12/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para darmos conta de que unha persoa queda sen lle deber nada a outra, e viceversa, logo de se producir algún tipo de actuación ou troco entre elas, ou ben dunha situación de equilibrio como resultado de se ver saldada entre dúas –ás veces máis– persoas algún tipo de débeda ou de lle devolver unha a outra un favor ou ofensa recibidos, cada vez con maior frecuencia escoitamos que ambas quedan en paz, ou que unha queda en paz coa outra. Trátase, ademais, dunha locución que tamén se usa no eido do xogo ou de apostas para dar a entender que alguén queda finalmente coma cando principiou, isto é, sen ganar nin perder.

Apretón de máns
Apretón de máns | Fonte: EP

Non obstante, nestes casos segue inda moi viva –tanto é así que mesmo en máis dunha ocasión a temos escoitado en boca de persoas que se estaban a expresar en castelán– a locución a pre, locución pronunciada –cando menos tanto polo que se refire á experiencia persoal propia como galegofalante natural coma polo que temos escoitado na oralidade doutros galegofalantes alén da nosa zona de orixe– con “e” aberto.

En paz

{= 1. Sen lle deber nada unha persoa a outra, e viceversa, logo de se producir algún tipo de actuación ou troco entre elas; ou ben nunha situación que se considera de equilibrio tras se ver saldada entre elas algún tipo de débeda ou tras ser devolto un favor ou ofensa recibidos. 2. No xogo ou en apostas, sen gañar nin perder.}

A pre

Ex.: Si te debía seis euros y me compras esta camisa, que también cuesta seis euros, no te la cobro y estamos en paz.

Se che debía seis euros e me compras esta camisa, que tamén custa seis euros, non cha cobro e quedamos a pre.

Ex.: Nos comentó que su novio se lió con la vecina, así que ella, en respuesta, hizo lo propio con el profesor de baile moderno, por lo cual, según su forma de verlo, ahora están en paz.

Díxonos que o seu mozo se enleou coa veciña, así que ela, en resposta, fixo o mesmo co profesor de baile moderno, polo que, para o seu modo de o ver, agora están a pre.

Ex.: Te gané las dos últimas partidas, así que ahora estoy en paz contigo estamos en paz.

Ganeiche as dúas últimas partidas, así que agora estou a pre contigo estamos a pre.

● Tamén:

En paz

● Tamén, cun suxeito gramatical plural:

Pagados

Pagos

Ex.: Sí que es verdad que Pepa, cuando Lela se quedó viuda y entró en depresión, fue su sostén, pero no es menos cierto que esta le devolvió el favor cuidando de la madre de la otra cuando enfermó de alzhéimer, así que podemos decir que a día de hoy están en paz.

Si que é certo que Pepa, cando Lela quedou viúva e entrou en depresión, foi o seu gran sostén, pero non é menos certo que esta lle devolveu o favor coidando da nai da outra cando enfermou de alzhéimer, así que podemos dicir que a día de hoxe están a pre están pagas.

● Tamén, cun suxeito gramatical plural, e probablemente (cando menos polo que respecta ó galego) con menor uso cá opción recolleita no apartado anterior:

Iguales && Igualados && [E MAIS]: Empatados

Iguais && Igualados && [E MAIS]: Empatados && [E NESTE MESMO SENSO, PROBABLEMENTE MÁIS ASOCIADA A ÁMBITOS DE USO NON FORMAIS]: Pates

Ex.: Se che debía seis euros e me compras esta camisa, que tamén custa seis euros, non cha cobro e quedamos pagos e quedamos iguais e quedamos igualados e quedamos empatados e quedamos pates .

Ex.: Díxonos que o seu mozo se enredou coa veciña, así que ela, en resposta, fixo o mesmo co profesor de baile moderno, polo que, para o seu modo de o ver, agora están pagos están iguais están igualados están empatados están pates.

● Tamén, cun suxeito gramatical singular:

Pago con && Igualado con && [E MAIS]: Empatado con && [E NESTE MESMO SENSO, MAIS ASOCIADA BASICAMENTE A ÁMBITOS DE USO COLOQUIAIS]: Pate con

Ex.: Ganeiche as dúas últimas partidas, así que agora estou pago contigo estou igualado contigo estou empatado contigo estou pate contigo.

Ex.: Díxonos que o seu mozo se enredou coa veciña, así que ela, en resposta, fixo o mesmo co profesor de baile moderno, polo que, para o seu modo de o ver, agora está paga con el está igualada con el está empatada con el está pate con el.

NOTAS:

1. A locución a pre tamén é susceptible de ser usada, en función de complemento predicativo ou de atributo (e dependendo sobre todos dos verbos ir, quedar ou estar) para dar conta de que dous ou máis competidores están, ou quedaron, nunha situación de igualdade nunha competición ou xogo, ou ben de que a competición ou xogo rematou cunha situación de igualdade entre os competidores: noutras palabras, é susceptible de ser usada (así o temos rexistrado oralmente en máis dunha ocasión, malia que non sexa a forma máis habitual de expresalo) basicamente como sinónima da voz empatados, ou mesmo da voz táboas (voz que, por outra banda, non parece senón un calco do castelán, hoxe en día xa lexitimado na norma), nomeadamente cando esta última estende o seu emprego máis aló dos xogos do xadrez ou das damas. Ex.:

Ex.: Al descanso del partido los dos equipos van empatados # tablas en el marcador.

Ó descanso do partido os dous equipos van empatados van pates van a pre no marcador.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta