As vítimas dun falso médico piden "pasar páxina" nun xuízo que se atrasou "máis que o do Prestige"

"Nada pode reparar o dano físico, psíquico e económico", explicou a portavoz da asociación, que agrupa a un centenar de persoas.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 10/12/2020 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

A portavoz da asociación de vítimas do falso médico ferrolán José Manuel López Pérez 'Coté', Esther Fontán, desexou poder "pasar páxina" co inicio do xuízo na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña no que se lle piden máis de 300 anos de cárcere por delitos de intrusismo ou estafa, entre outros. "O único bo deste xuízo é que por fin imos poder pasar páxina despois de 13 anos", relatou Fontán antes do inicio da vista. Considera que se vai "poder demostrar que estamos ante un gran estafador". "Os únicos condenados fomos nós", engadiu.

O home está acusado os delitos de intrusismo, estafa, falsidade, homicidio por imprudencia e lesións, segundo o escrito de cualificación dos feitos, para un xuízo que se prolongará ata marzo e no que a Fiscalía pide penas que suman 334 anos de cárcere.

A portavoz das vítimas, que suman un centenar, afirmou que todas están a pasar momentos de "ansia", "nervios" e "dor" por lembrar os feitos. "Isto foron un dano físico, psíquico e económico, que somos conscientes de que nada o pode reparar, ningunha condena vai satisfacernos", asegurou.

Segundo Fontán, a única "satisfacción" que teñen é que o acusado "veña aquí desde o cárcere e esposado". "Dános a forza que nos fai falta para enfrontar este longo xuízo", expresou, á vez que lembrou que cumpre condena por delitos cometidos en Castelló que, dixo, son de "menor entidade" que os que se lle imputan en Galicia.

"Que durase máis que o Prestige non ten nome; estamos moi cansados destes anos de pelexa", lamentou a representante das vítimas, que opina que foron "miles" as persoas que pasaron pola clínica do procesado que "por medo, por pasar páxina ou por vergoña" non están personadas na causa.

ESCOITAR

O avogado da asociación de vítimas, Rubén Veiga, en declaracións aos medios, mostrouse esperanzado de poder "acreditar" os feitos. "Esperamos que a xustiza, tras doce anos, poida polo menos escoitar ás vítimas, que é o que queren", comentou, describindo a petición da Fiscalía de "moi elevada"

"Aplicaba unha serie de técnicas, de medicinas tradicionais, que non están recoñecidas nin amparadas pola legalidade dentro de España", relatou o letrado, que engade que o home "facíase pasar polo que non era". "Segundo as vítimas, era neurocirurxián, médico especialista en extirpar tumores. De feito, xa fora condenado por intrusismo en diversas ocasións e por estafa.

Veiga acusou á defensa de Coté de tentar "interromper a causa" e considera que foi a razón do "atraso da instrución" da mesma. "As dilacións foron buscadas pola defensa porque pode axudar a fixar unha pena de prisión", remarcou.

José Manuel López Pérez, Coté, un falso médico á saída dun xulgado. EFE
José Manuel López Pérez, Coté, un falso médico á saída dun xulgado. EFE | Fonte: DOMENECH CASTELLÓ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta