Axudas para o sector do turismo galego en 2021 cun plan de choque dotado de 35,7 millóns

O plan foi anunciado polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, responsable de Turismo do goberno galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2020 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

A Xunta porá en marcha o próximo ano un plan de choque para o reforzo do sector turístico que estará dotado con 35,7 millóns de euros e que incluirá, entre outras medidas, un seguro covid para turistas que poidan contraer a enfermidade, incentivos ao consumo ou apoio para a creación de paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia.

Así o anunciou este xoves o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha comparecencia no Parlamento galego para dar conta das medidas postas en marcha pola Administración autonómica para facer fronte á crise sanitaria do coronavirus, así como para paliar as súas consecuencias económicas e sociais.

Así, avanzou que o Goberno galego porá en marcha o próximo ano un Plan de choque para o reforzo do sector turístico que inclúe, entre outras medidas, o seguro de coronavirus, que cubrirá os custos sanitarios, de transporte e aloxamento que se deriven do posible contaxio de covid-19 dun viaxeiro e do seu acompañante.

Ademais, neste plan inclúense outras actuacións de incentivos ao consumo, como a renovación do Bono Turístico, con 6 millóns de euros; a reedición do programa de promoción do turismo interno Elixe Galicia, con 1,3 millóns de euros; ou a creación dunha nova liña de apoio para o fomento da cooperación entre operadores de turismo co obxectivo de que cren paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia, dotada con 1,2 millóns de euros.

Este plan cubrirá, no caso de ser precisas, axudas directas e específicas ao sector da hostalaría, ademais de multiplicar case por tres o investimento da liña de axudas orientadas a mellorar os aloxamentos e restaurantes galegos, que pasa de 1,5 a 3,5 millóns de euros, explicou Rueda.

AXUDAS AOS SECTORES AFECTADOS

Por outra banda, Alfonso Rueda reivindicou as medidas de apoio postas en marcha para axudar a empresas e autónomos a superar as consecuencias da covid-19, especialmente no relacionado con sectores "paralizados", como a hostalaría.

En concreto, lembrou, a Xunta lanzou un Plan de rescate para os sectores máis afectados pola pandemia, dotado con 84 millóns de euros, que inclúe tres liñas de axudas, para autónomos, para microempresas e autónomos con empregados e para o sector hostaleiro pechado por mor das restricións. Este tres liñas, indicou Rueda, recibiron máis de 37.000 solicitudes.

Estas axudas compleméntanse cunha nova liña de préstamos directos para autónomos e pequenas empresas con problemas de liquidez, dotada con 10 millóns de euros. Ademais, no caso concreto da hostalaría, está activa unha convocatoria de 3 millóns de euros para financiar a adaptación de terrazas e a adquisición de elementos de envasado de comida e bebida. Ademais, existe un Plan específico dirixido ao lecer nocturno, lanzado hai semanas para axudar a este sector.

A maiores, Alfonso Rueda mencionou apoios para outros sectores, como o transporte público, co novo pago, hai dúas semanas, de 20 millóns de euros para evitar a quebra das empresas; o campo marítimo-pesqueiro, co Plan Avantemar de reactivación, dotado con 77 millóns; ou aos produtores de planta ornamental, flor cortada, carne de vacún e viño.

ADAPTACIÓN DA REALIDADE

Durante a súa comparecencia, o vicepresidente primeiro da Xunta puxo en valor o traballo realizado en Galicia para adaptar e reforzar distintos servizos públicos ao contexto da covid-19.

En concreto, no ámbito da educación, Alfonso Rueda indicou que se están investindo 162 millóns para atender as necesidades xeradas polo coronavirus, ademais de medidas como o Plan de ensino virtual no caso de que sexa necesario paralizar a docencia presencial ou a realización de PCR a estudantes.

Ademais, a Xunta implementou un plan para axilizar a actividade xudicial e fomentar a súa virtualización; traballa na coordinación das forzas e corpos de seguridade a través das reunións semanais da Sacop (Sala de Coordinación Operativa); reforzou os operativos da Policía autonómica, que xa realizou máis de 57.000 actuacións específicas desde o inicio da pandemia; e implantou un convenio de colaboración cos concellos para a tramitación dos seus procedementos sancionadores, ao que xa se adheriron 33 entidades locais.

No ámbito sanitario, o vicepresidente primeiro lembrou medidas como o segundo cribado xeneral de todo o persoal que traballa en centros sanitarios; o acordo sindical para o Plan de continxencia, que permitirá 1.200 contratacións de entre 6 meses ou un ano; ou o aumento na frecuencia de probas ao persoal de centros sociosanitarios, que se realiza agora semanalmente.

Ademais, os orzamentos para 2021 en materia de sanidade recollen 115 millóns de euros para manter os contratos de reforzo e facer fronte ás novas necesidades; 45 millóns para EPI en atención primaria e hospitalaria; ou un incremento de máis de 18 millóns de euros para as partidas de laboratorio.

XACOBEO

De volta á materia turística, Alfonso Rueda reivindicou o poder que terá durante o próximo ano para a revitalización do sector turístico a celebración do Xacobeo 21, polo que instou a "aproveitalo desde o primeiro momento".

Para iso, a Xunta prepara unha campaña de "promoción intelixente" que se ira adaptando á evolución da pandemia e "moitísimas actividades" distribuídas polo territorio galego.

Ao mesmo tempo, explicou, o Goberno galego está "a deseñar a planificación turística do futuro da man dos profesionais e dos expertos", unha folla de ruta que marcará as prioridades para o próximos tres anos.

Para esta tarefa, e para as restantes relacionadas coa covid-19, dixo Rueda, a Xunta "non pode estar soa", polo que reclamou unha maior implicación do Goberno central. Entre outras cousas, considerou que "non ten sentido" que o Xacobeo 21 "non teña ningunha previsión orzamentaria" nas contas xerais do Estado de 2021.

CRÍTICAS DESDE A OPOSICIÓN

Durante a súa quenda de réplica, a oposición asegurou que os sectores máis afectados por esta crise, como a hostalaría, non recibiron de forma efectiva as axudas postas en marcha, algo que negou o vicepresidente.

Así, o socialista Pablo Arangüena reivindicou o investimento do Estado en Galicia, pediu "axudas verdadeiras e significativas" para os sectores afectados por parte do Goberno galego e acusou á Xunta de "contar trolas".

Do mesmo xeito, o deputado do BNG Iago Tabarés dixo que en Galicia "non houbo axudas directas á hostalaría" e, en materia de turismo, fixo fincapé en que a comunidade "é moito máis que o Xacobeo", un elemento que "leva a maior parte dos fondos".

A cuestión turística tamén causou un enfrontamento entre Pablo Arangüena e a deputada do PPdeG Paula Prado, despois de que esta dixese que "a gran achega" do Estado ao turismo é "traer avións de inmigrantes ilegais á península", algo que o representante socialista cualificou de "xenofobia". "Vox non ten representación en Galicia porque está acomodado nas filas do PP", dixo Aragüena.

Fronte a iso, Paula Prado, que acusou ao Estado de non pór en marcha ningún tipo de axudas para a hostalaría como fai Galicia, apostilou que "a xenofobia é a que ten o Goberno central, que distribúe aos inmigrantes sen prestarlles a asistencia necesaria".

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa intervención.. CONCHI PAZ
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa intervención.. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta