A Deputación da Coruña prepara un proxecto piloto de redución do risco de incendio

Para iso a institución provincial busca un concello para participar no proxecto que consiste en compartir maquinaria antincendios como medida preventiva.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2020 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña busca un concello da provincia para participar nun proxecto piloto de uso compartido de maquinaria agrícola forestal co obxectivo de reducir o risco de incendios.

Nun comunicado, a institución provincial explicou que a actuación forma parte do proxecto de xestión forestal conxunta Gefrecon, no que participa.

Así pois, unha das accións asignadas á Deputación dentro da iniciativa consiste en levar a cabo unha experiencia piloto de uso compartido deste tipo de maquinaria como medida preventiva dos lumes.

Para poder desenvolvela, a institución puxo en marcha a contratación do equipamento forestal. Ademais, abre agora un proceso para seleccionar un concello da provincia que estea interesado en empregar estas ferramentas nas súas actuacións agrícolas ou forestais.

Como condicións, sinala que os útiles sexan empregados en actividades municipais ou de entidades asociativas radicadas no concello, e asumir o custo do seu mantemento ao longo de, polo menos, catro anos.

ELECCIÓN DO MUNICIPIO

Á hora de escoller o municipio, a Deputación destacou que se atenderán diversos criterios, prestando especial atención a se está considerado como zona de alto risco, se conta con algunha agrupación de protección civil que contribúa á defensa contra incendios, cun plan municipal de prevención e con brigadas forestais.

O acordo que asinen o ente provincial e o concello seleccionado conterá a recepción e aceptación da cesión da maquinaria, as obrigacións do municipio e da Deputación, así como os gastos.

Os consistorios da provincia interesados na proposta deben enviar as súas solicitudes antes do día 15 de decembro a través do correo electrónico pel@dacoruna.gal.

A iniciativa forma parte do proxecto europeo Gefrecon (Xestión Forestal Conxunta para Prevención de Incendios en Territorio POCTEP), que se enmarca no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (Poctep), e cofinanciado polo FEDER.

Esta actuación ten como obxectivo desenvolver accións conxuntas e innovadoras que reduzan o risco de incendios forestais no territorio Poctep. Para conseguilo, búscase o desenvolvemento de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en auto protección e a promoción da creación de empresas forestais.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, en rolda de prensa. DEPUTACIÓN DA CORUÑA - Arquivo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, en rolda de prensa. DEPUTACIÓN DA CORUÑA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta