A débeda galega é case igual aos "maiores orzamentos da historia" que presentou Feijóo

Supón o 19% do PIB, a pesar de que Feijóo ten presumido de que é das menores de España. Tamén a débeda estatal está disparada en níveis de 114%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/12/2020 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

A débeda pública de Galicia segue sendo alta e representa un 19% do PIB, aínda que baixou un 0,88% no terceiro trimestre do ano en Galicia en relación co mesmo período do ano anterior. Deste xeito, sitúase en 11.325 millóns de euros, unhas cifras moi semellantes aos 11.664 millóns de euros do orzamento de Galicia para 2022 que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou como "os maiores orzamentos da historia" do país.

De feito, e a pesar da baixada trimestral, a porcentaxe do que esta débeda pública representa respecto ao total do produto interior bruto (PIB) galego subiu 1,2 puntos tamén en evolución interanual, ata alcanzar o 19%. Mentres, as empresas públicas non incluídas no sector administracións públicas rexistran unha débeda de 6 millóns de euros na comunidade, fronte aos 7 dun ano atrás.

Os 11.325 millóns de euros de débeda pública de Galicia repártense, segundo os datos do Banco de España, entre 1.600 de valores representativos de débeda e 9.725 en préstamos.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, a débeda do conxunto das administracións públicas alcanzou no terceiro trimestre do ano os 1.308.085 millóns de euros, co que marcou un novo máximo histórico e situouse no 114,1% do PIB, como consecuencia da crise da covid e as medidas para paliar os seus efectos, segundo os datos publicados este venres polo Banco de España.

Deste xeito, o saldo de débeda pública elevouse en máis de 104.000 millóns a nivel interanual, un 8,7% máis, e engadiu 17.023 millóns de euros (+1,3%) respecto ao anterior trimestre.

Diñeiro
Diñeiro | Fonte: EP


AS CCAA REDUCEN A DÉBEDA

Dentro das comunidades autónomas, Cataluña (78.292 millóns de euros), Comunidade Valenciana (49.651 millóns), Andalucía (35.236 millóns) e Madrid (34.801 millóns) seguen concentrando dous terzos de toda a débeda en mans dos gobernos autonómicos no terceiro trimestre, con aumentos interanuais en todos os casos, pero descensos respecto ao segundo trimestre do ano.

A continuación, figuran as comunidades de Castela-A Mancha (15.557 millóns), Castela e León (13.115 millóns), Galicia (11.325 millóns), País Vasco (10.169 millóns), Murcia (10.578 millóns) e Illas Baleares (9.343 millóns). Pechan a táboa Aragón (8.812 millóns), Canarias (6.396 millóns), Asturias (5.078 millóns), Estremadura (4.832 millóns), Navarra (3.465 millóns), Cantabria (3.431 millóns) e A Rioxa (1.642 millóns).

En porcentaxe do PIB, a Comunidade Valenciana, cun endebedamento que supón o 46,7%, segue encabezando ás rexións máis endebedadas en relación á súa riqueza, seguida de Castela-A Mancha, co 39,7%, e Cataluña co 35,9%.

En cambio, País Vasco (14,8%), a Comunidade de Madrid (15,8% do PIB) e Canarias (14,7%) son as que menor débeda teñen respecto ao PIB.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta