Carvalho Calero, o home das mil voces que tentan revivir nun 2020 marcado pola pandemia

Unha iniciativa do IES do Milladoiro xunto con outros centros educativos “expandirá” a obra de Carvalho Calero mediante as ondas da radio. É un proxecto que busca difundir a obra do autor mediante a lectura de breves fragmentos da súa obra que serán gravados e logo emitidos desde o programa Proxecto Neo do IES Perdouro de Burela.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O proxecto Leitura Cooperativa-Expansiva de Carvalho Calero naceu do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega no IES do Milladoiro. A idea era poder traballar a figura do autor de Scórpio nun ano que lle dedicaron as Letras Galegas mais que non puido completar moitas tarefas arredor deste autor e ensaísta. O motivo foron as restricións da COVID-19 e isto trouxo que Carvalho quedase “medio descoñecido” para moito alumnado, sobre todo a súa vertente lingüística. Así naceu a idea de gravar en voces de alumnos e alumnas pezas de obras do autor ferrolán e logo emitilas por radio, unha iniciativa que buscaba implicar a cantos máis centros educativos mellor.

Imaxe da gravación da lectura de textos de Carvalho Calero
Imaxe da gravación da lectura de textos de Carvalho Calero

COMPLETAR O ANO CARVALHO CALERO

Tina Formoso, coordinadora do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES do Milladoiro explicou que a idea última era “crear un repositorio de lecturas feitas por mozos e mozas de diferentes centros que permitisen ver as diferentes caras de Carvalho”. A Leitura Cooperativa-Expansiva de Carvalho Calero é iso, un traballo en cooperación que se esparexe por diferentes lugares desde onde se enviarán os traballos gravados. “É expansivo porque saía do noso IES cara outros buscando a súa aportación desde as catro provincias” destaca Formoso.

En principio espérase a participación de trinta centros, entre eles o de Milladoiro e o IES Perdouro de Burela, que será desde onde se emitan as gravacións o día 22 de decembro. A emisión foi unha proposta de Bernardo Penabade profesor neste instituto da Mariña e será un programa con algunhas lecturas seleccionadas previamente.

O IES Camballón de Vila de Cruces participará desta lectura expansiva co envío de dous poemas e un texto ensaístico. Sechu Sende, profesor deste IES sinala a importancia da colaboración entre o alumnado de diferentes puntos xeográficos. “O curso pasado si traballamos a figura de Carvalho Calero xunto coa regueifa” mais agora ven este proxecto como “unha oportunidade para dinamizar o alumnado para que se sume a unha actividade conxunta con mozos e mozas doutros lugares” arredor da figura que tivo adicado en 2020 o Día das Letras Galegas.  Sende insiste na importancia que se lle debe dar á colaboración máis alá “dos nosos marcos” xeográficos marcados polo lugar de ensino.


DEIXAR TESTEMUÑO DE ALGUÉN “DESCOÑECIDO”

A redución de actividades por culpa da pandemia de COVID, deixará moi baleiro o “Ano Carvalho Calero”, con moi poucas pegadas de traballos ou iniciativas arredor da súa figura. “O que buscabamos era deixar un testemuño de que si se fixeron cousas” subliña Formoso. A creación das pezas gravadas quedarán como parte das iniciativas levadas adiante durante o 2020 e, se é posible, durante parte de 2021.

Alén diso, as novas xeracións que pasan polo ensino obrigatorio e secundario entraron en contacto este ano cunha figura intelectual que deixou pegada ademais dun legado que, se queira ou non, marcou un antes e un despois sobre os modelos normativizadores do galego. A aposta de Carvalho Calero polo modelo “reintegracionista” ou galego-portugués escrito, tivo algún impacto entre o alumnado?

“Creo que reaccionaron como reaccionei eu cando era novo, con sorpresa” declara Sechu Sende. “Á xente nova sorpéndea os misterios como cando descubrín o reintegracionismo no bacharelato”. Desta maneira, Sende tenta explicar aos seus alumnos que hai unha parte da historia sobre a lingua galega que corresponde a dúas interpretacións gráficas do galego.

“Para algúns é unha maneira de descubrir unha historia de Galicia complexa mais cando llo explico fágoo desde a emoción” di Sende. “Coñecer a historia da lingua é ver o problema e creo que desde a xente nova parte a solución”.

Sobre a opción gramatical que defendera Carvalho no seu día e que segue coa presenza da AGAL e outras institucións que defenden os mesmos puntos de vista, Tina Formoso cre que para boa parte do alumnado non é un problema. “O noso IES é un dos que máis diversidade ten, hai alumnado brasileiro que pode ler os textos coa grafía en reintegrado, mesmo alumnado de portugués que xa non ten problema para pronunciar o “j” como “x””.

A diversidade á que alude Formoso non queda só en persoas con máis ou menos facilidade para interpretar os signos ortográficos, aínda que apunta a anécdota de “todos saben dicir Barça (Barsa) mais moitos cando len terça, pronuncian “terca””.

Esa diversidade vai máis alá das voces como a propia Formoso nos di que a actividade “é tan inclusiva” que tamén participa unha “nena xorda desde o instituto de Rianxo que di unha frase co que consegue falar”. Esta moza gravará despois un texto con linguaxe de signos que “imos poñer nun vídeo que tamén vai complementar a actividade, onde van ir fotos das persoas participantes”.

A Leitura Cooperativa-Expansiva de Carvalho Calero quere ser un referente para futuras accións pedagóxicas arredor do galego. Aínda máis, mostrar que a cooperación entre diferentes centros educativos a día de hoxe é posible para organizar actividades formativas en conxunto.

INICIATIVA DA AGAL

A Agal xa fixo algo semellante con figuras relevantes do mundo político, social e cultural do país.leitura colectiva do libro Scorpio no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela o dia 30 de outubro. O acto foi cancelado polo feche perimetral da cidade. Así que a AGAL decidiu que a xente gravar fragmentos do libro que tamén quedaron rexistrados neste vídeo.

Na iniciativa participaron Margarita Cela Carballo (neta de Carvalho Calero), Miguel Santalices (Presidente do Parlamento de Galicia), Eduardo Maragoto (Presidente da Associaçom Galega da Língua – AGAL), Antonio López (Reitor da Universidade de Santiago de Compostela – USC), Xosé Antonio Sánchez Bugallo (Alcalde de Santiago de Compostela), Valentín García (Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia), Xurxo Couto (Deputado de Cultura da Deputación Provincial da Coruña), Víctor Freixanes (Presidente da Real Academia Galega – RAG) ou deputados do PPdeG, BNG e PSdeG, entre outros case 100 activistas culturais e sociais do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

1 McCs

Carvalho Calero non fixo nada, só seguir as ideas do filólogo portugués Rodrigues Lapa, se o magnifican tanto só é por cuestións políticas.

1 OkayKeller

Redator dum anteprojeto do Estatuto, autor da primeira novela em galego da posguerra, primeiro catedrático de Filologia Galega da história da Galiza, autor dumha gramática e dumha história da literatura galega modernas que fôrom referência durante décadas. Pero nada, home, um ninguém.

2 Csmc

Ti si que fixeches McCs, polo menos o ghraduado escolar, e case o bacharelato. Anda, anda, anda

3 Aí queda

Un copión das ideas portuguesistas e un poeta cursi.