Feijóo describe un Carvalho Calero "afastado de calquera tentación doctrinaria"

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo en valor "un bilingüismo que non permita ningún retroceso no uso do galego". A coordinadora da Executiva Nacional do BNG, Goretti Sanmartín, lamentou que, pola pandemia, a figura de Carvalho Calero "non puidese chegar ás aulas" este ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2020 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este sábado o "amplo legado" do autor Ricardo Carvalho Calero, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do 2020, "afastado de calquera tentación doctrinaria" e que "axudou a criar galegos libres que propician unha cultura e unha lingua libres".

Así o manifestou o titular do Goberno autonómico durante un discurso pronunciado ao finalizar o pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG) en homenaxe ao autor ferrolán. Un evento celebrado este sábado 12 de decembro --case sete meses despois da súa data habitual, o 17 de maio-- no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) tras atrasarse en dúas ocasións debido á incidencia da pandemia.

Na súa intervención, Feijóo explicou que Carvalho Calero, que abrazou as teses lusófonas, reparou "na Europa máis próxima representada por Portugal": "Loita por un reencontro co pobo irmán do que nos afastan aventurados acontecementos e ao que nos achegan afectos nunca desfallecidos".

"Máis aló de controversias eruditas sobre os formatos ortográficos, a intuición de don Ricardo anticípase con acerto aos nosos tempos", subliñou a continuación.

ALUMNOS E DISCÍPULOS

Como mostra do "amplo legado" de Carvalho Calero, Feijóo mencionou "os seus estudos, a súa poesía, os seus ensaios, a súa novelística, a súa capacidade oratoria" e a "herdanza viva" que deixa nos seus alumnos e discípulos, moitos deles membros actuais da RAG como o seu presidente, Víctor F. Freixanes.

O presidente da Xunta parouse na biografía do autor ferrolán para destacar que foi "primeiro en moitas cousas", como o demostra que ocupou a primeira cátedra de lingua e literatura galegas, ademais de ser un "adiantado dos vínculos" entre Portugal e Galicia.

Uns vínculos que na actualidade, en palabras de Feijóo, ven "reforzados grazas á pertenza ao proxecto europeo" e ao "feliz reflexo legal" que é a coñecida como Lei Paz Andrade de 2014, que busca aproveitar os "vínculos coa lusofonía" e permite "que haxa máis de 4.000 alumnos de portugués" na Comunidade galega.

"Está vixente ademais un memorando de entendemento coa República Portuguesa e cabe lembrar igualmente que, a instancias de Galicia, España ingresou na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa", engadiu o presidente da Xunta.

A TRANSMISIÓN INTERGENERACIONAL COMO "EIXO"

Así mesmo, para "seguir esa senda", a Xunta ten "como eixo" da Lexislatura que acaba de empezar "a potenciación da transmisión intergeneracional do galego no seo das familias e a vivencia da lingua na mocidade".

Feijóo tamén dedicou parte do seu discurso ás "circunstancias adversas" que "condicionan" a vida da sociedade como a actual pandemia do coronavirus: "Proba disto é a configuración deste acto e que esteamos a celebrar o tradicional 17 de maio nun 12 de decembro".

De feito, lembrou que o propio Carvalho Calero "sufriu na súa contorna familiar o golpe dunha pandemia", a da 'gripe española' de 1918, que terminou coa vida da súa nai.

Neste contexto, dixo que "non é un bo antídoto" cancelar eventos como o deste sábado no Paraninfo da USC, porque "os pobos necesitan nesta encrucillada dunha extraordinaria forza interior que reside en sentimentos que se expresan con palabras".

"A celebración, por tanto, non é superflua nin imprescindible. Necesitamos, máis que nunca, proclamar que a nosa lingua nos proporciona unha forza adicional, unha unidade máis estreita, uns afectos máis intensos", proclamou Feijóo.

Ademais do propio presidente da Xunta, o pleno extraordinario da RAG contou coa presenza da filla de Carvalho Calero, María Vitoria Carvalho Calero, e de numerosas figuras da vida política, civil e cultural de Galicia, entre eles o presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices; o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; e, como representantes da oposición, a coordinadora da Executiva Nacional do BNG, Goretti Sanmartín, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

"UNHA FIGURA POLIÉDRICA"

Con carácter previo á sesión, ás portas da Facultade de Xeografía e Historia, Goretti Sanmartín definiu a Carvalho Calero como unha "figura poliédrica" e "magnífica", que axudou a "crear conciencia sociolingüística" e que foi autor de investigacións que son "referencia para todo o mundo" sobre a situación legal e social do idioma.

"Unha figura ademais que soubo crear paixón. El tiña paixón, realmente, polo que quería facer, e conseguiu que a xente, aínda tantísimos anos despois, teña os seus textos como referencia", engadiu, en declaracións aos medios.

No entanto, a coordinadora da Executiva Nacional do BNG e portavoz da formación no Concello de Santiago lamentou que, polas circunstancias da pandemia, a figura de Carvalho Calero "non puidese chegar ás aulas" este ano. Nas súas palabras, é "fundamental" que os adolescentes e os docentes coñezan a súa mensaxe para "reverter a substitución do galego polo español, que continúa producíndose hoxe en día".

CABALLERO PIDE "UN GRAN CONSENSO"

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo en valor "a importancia de defender" o idioma e "traballar por unha cooficialidade real" e por "un bilingüismo que non permita ningún retroceso no uso do galego.

Para iso, o socialista instou a "un gran consenso" no que a Xunta debe "traballar máis e mellor por potenciar" o idioma fronte a uns "retrocesos" que, tal e como lembrou Caballero, contou co reproche de "institucións académicas e das institucións europeas".

Así, a aposta do secretario xeral do PSdeG pasa por que "cada un en Galicia poida expresarse en castelán ou en galego", pero que o galego sexa "un patrimonio que queremos, unha lingua que sentimos, un valor para todos e para todas".

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario da RAG, Xosé Henrique Monteagudo, no pleno do Día dás Letras Galegas de 2020, dedicado a Ricardo Carvalho Calero.. XUNTA
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario da RAG, Xosé Henrique Monteagudo, no pleno do Día dás Letras Galegas de 2020, dedicado a Ricardo Carvalho Calero.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 uu1

Sobre o discurso de Feijóo, da verdade não tenho comentários, típico político, muito bla, bla, bla, isso sim, certamente é mais de auto bombo e consignas políticas que de homenagem a Carvalho Calero. Que forma mais efetiva de desprezar ao homenageado com citas a outras pessoas ou situações que não vinham a conto! O dia 12 de dezembro do 2020 ficará como o “dia da infâmia contra o idioma galego”! Mais demagogia não se pode aturar, o oficialismo não podia cair mais baixo!

2 uu1

Concordo com o André, o dia de hoje será recordado como o “dia da infâmia contra o idioma galego”! Mais demagogia não se pode aturar, o oficialismo não podia cair mais baixo, a partir do dia de hoje sabemos que a oficialidade de forma “oficial e pública “, acaba de decretar a morte do galego. Esta homenagem é uma vergonha, nem Carvalho Calero nem todo o galeguismo que luitou pela supervivência da nossa língua mereciam-se este final. Eu a partir de agora declaro-me renegado do oficialismo, e se é preciso declaro-me falante de um mal galego-português (fortemente castelhanizado) mas nunca do oficialista “galtrapo”! HOJE É UM DIA DE PONTO E FINAL, A OFICIALIDADE JÁ NÃO PODE FICAR MAIS DESACREDITADA! FALEMOS GALEGO E APROVEITEMOS OS RECURSOS DISPONÍVEIS DAS VARIEDADES DO NOSSO IDIOMA

1 André

A hipocrisia do Feijó nom tem fim. Ainda ontem se expremeu em castelhano perante o presidente da câmara do Porto.