A comunidade educativa da pública critica a "batalla partidaria" dos gobernos do PP contra a 'Lei Celaá'

Sindicatos docentes e ANPA censuran que se utilice a educación "como arma arreboladiza" desde as institucións. Cargos do Partido Popular mobilizaranse de novo o domingo na rúa contra a reforma educativa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/12/2020 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

A ofensiva do PP contra a 'Lei Celaá' non gustou a sindicatos docentes e asociacións de pais do sistema público, que acusan aos 'populares' de servirse das institucións para facer a "batalla partidaria" e utilizar a educación como "arma arreboladiza".

Alumna escribe con xiz
Alumna escribe con xiz | Fonte: Xunta.

Entidades consultadas por Europa Press censuraron, sobre todo, que sexa o propio responsable estatal da formación, Pablo Casado, quen anuncie medidas que executarán os gobernos autonómicos liderados polo seu partido, o que evidencia aínda máis que o interese político sitúase por enriba da educación.

Suso Bermello, da CIG-Ensino, lamentou esta batalla "partidaria e absolutamente vergoñosa", que esta provocando situacións e actuacións desde as administracións que non se viron "con ningunha" das anteriores leis orgánicas nesta materia.

"Os galegos almorzamos o sábado escoitando a Pablo Casado, que non ten ningún tipo de responsabilidade, dicindo o que vai facer a Xunta", ironizou. Un "escándalo maiúsculo", engade, no que a Xunta actúa "como fiel obediente do ditado da rúa Génova [en Madrid]".

Para Bermello a intencionalidade do Goberno galego obsérvase na actitude sobre outros aspectos da LOMLOE, como é a posibilidade de reducir cocientes en centros de zonas socialmente desfavorecidas ou que escolaricen alumnos con necesidades específicas.

Unha cuestión que "tería que desenvolver" a Xunta, insistiu, pero da que se "pasa totalmente".

"FALTA DE LEALDADE"

Nesta liña tamén se pronunciou Luz López, desde CC.OO. Ensino, que tachou as declaracións e as medidas avanzadas como "unha falta de lealdade á democracia".

"Se sae o que eu digo, organizo todo para que todo se cumpra. Se non, busco a maneira de non cumprilo. É un pouco penoso", ironizou.

Así, lamentou que o que se busque é "manter privilexio puro e duro" e "boicotear" unha norma que contou con "máis apoios" que a LOMCE, unha lei "dun único partido" e imposta durante os mandatos 'populares'.

Julio Díaz, de ANPE, entende que as comunidades adopten as consideracións legais "oportunas" mentres a norma non estea en vigor, pero que "non é de recibo que se estea facendo política constantemente" co sistema educativo e actuar como "o exército de Pancho Villa". "Pedimos, por favor, aos políticos que deixen de utilizar a educación como arma arreboladiza".

Díaz cre que "ningún político que teña certo prestixio" debería dicir por todos os medios que tentará "paralizar unha lei en marcha" en lugar de buscar unha "paz social".

Tamén estendeu a súa crítica ao Goberno central, ao lembrar que a 'Lei Celaá' se impulsou "sen consenso" e, de novo, "sen contar co profesorado", e reiterar o seu chamamento para "pechar un pacto en condicións" pola Educación.

"O GATO E O RATO"

A Confederación de ANPA Confapa Galicia tamén se sumou ás críticas por este debate, tanto cara á Xunta como cara ao Goberno central, e asegurou que desde as familias observan "sorprendidos" este "xogo do gato e o rato".

Rogelio Carballo incidiu na importancia de promulgar unha reforma educativa "con consenso", e de "chegar a puntos de encontro" entre os diferentes actores da sociedade para alcanzar un modelo "estable".

"O meu fillo maior leva xa tres normas educativas, con 15 anos. Esta será a terceira. Non é nin medianamente admisible", reprochou.

O portavoz de Confapa-Galicia advertiu que esta discusión é unha "banalidade" nun contexto no que o Foro Económico Mundial está a alertar de que o 43 por cento dos empregos de alta e media cualificación desaparecerán no horizonte do ano 2025 debido á automatización. "E nós discutimos se adiantamos o período de inscrición", ironizou.

MOBILIZACIÓN DO PP

Cargos do PP sumaranse de novo este domingo á nova marcha que convocou a plataforma 'Más Plurales' contra a chamada 'Lei Celaá'. Ademais, o partido manterá unha "resistencia cívica e legal" nas súas comunidades autónomas para "minimizar" o impacto desta reforma educativa con medidas como adiantar o proceso de matriculación nesas autonomías.

O pasado 22 de novembro o líder do PP, Pablo Casado, xa secundou en Madrid xunto á presidenta da Comunidade, Isabel Díaz Ayuso, e o alcalde da capital, José Luís Martínez-Almeida, a manifestación en coche que impulsara 'Más Plurales' en distintas cidades de España contra a Lei Orgánica de Modificación da LOE (LOMLOE).

Unha vez máis dirixentes da cúpula do PP apoiarán a nova convocatoria deste domingo e non está descartado que poida acudir outra vez o presidente dos 'populares'. Ademais, o primeiro partido da oposición seguirá coa súa campaña de recollida de firmas contra a norma e impulsará campañas en redes sociais, segundo indicaron fontes do partido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta