O alcalde de Ferrol acusa a RAG de "faltar ao respecto" á cidade co traslado do pleno das Letras Galegas

Matoanuncia que o Concello se "compromete" a que 2021 sexa "o ano Carvalho Calero" na súa urbe natal.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 14/12/2020 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acusou a Real Academia Galega (RAG) de "faltar ao respecto" á cidade tras celebrar o sábado o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas 2020 en Santiago e non na urbe naval, onde naceu e desenvolveu boa parte da súa carreira Ricardo Carvalho Calero, a quen se homenaxea este ano.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na inauguración dunha exposición sobre Ricardo Carvalho Calero.
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na inauguración dunha exposición sobre Ricardo Carvalho Calero. | Fonte: Europa Press.

Ditas manifestacións realizounas o rexedor no mediodía deste luns na Praza de Armas, durante a inauguración dunha exposición da Deputación da Coruña dedica a Carvalho Calero e na que tamén se deu cita o presidente provincial, Valentín González Formoso.

"Teño que expresar o meu malestar como alcalde de Ferrol por como se desenvolveron todos os acontecementos ao longo de todo este ano excepcional" sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero, "un malestar que se estende por toda a cidade".

"Xa sei que é tarde, pero o que non pode ser é que a unha persoa á que se lle dedica esta distinción non se poida celebrar na súa cidade natal, aquí en Ferrol", engadiu.

Dito isto, quixo "dar as grazas" a todas aquelas entidades que quixeron acompañar ao Concello --coa unanimidade dos grupos políticos-- na súa reclamación para que as Letras Galegas de 2021 se volvan dedicar ao intelectual ferrolán, aínda que o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, xa manifestou a intención da Academia de escoller un novo homenaxeado para o próximo ano.

Neste contexto, o rexedor ferrolán anunciou que "polo menos" o Concello terase que "comprometer" con que 2021 sexa "o ano dedicado a Carvalho Calero".

"Na medida das nosas posibilidades, o próximo ano trataremos de facerlle xustiza ao primeiro catedrático de lingua galega aquí, na súa cidade, en Ferrol", comprometeu.

En canto á exposición da Deputación da Coruña, consta de 15 paneis nos que se repasan a obra e a vida do autor ferrolán, sendo esta a primeira parada dunha mostra que visitará outros municipios da provincia.

Pola súa banda, González Formoso enxalzou a figura de Carvalho Calero e expresou o seu desexo de que "a exposición sirva para reivindicar a súa figura como unha das grandes da cultura galega e a súa estreita vinculación con Ferrol, a cidade que o viu nacer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta