Médicos eventuais e interinos de toda Galicia presentan máis de 1.200 firmas reclamando unha OPE extraordinaria

Celebrarán concentracións este xoves en todos os hospitais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/12/2020 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

Médicos eventuais e interinos de toda Galicia presentaron este luns máis de 1.200 firmas reclamando unha Oferta Pública de Emprego (OPE) extraordinaria para acabar cunha situación laboral que catalogan de "irregular e precaria".

Médicos interinos e eventuais protestan en Ferrol.
Médicos interinos e eventuais protestan en Ferrol.

A petición púxose en marcha hai uns días en Ferrol e foise estendendo por outras áreas sanitarias, tal e como trasladou Juan Pablo Alarcón, un dos médicos afectados.

Alarcón denunciou que o colectivo vive unha "situación laboral irregular mantida no tempo" e a pesar da normativa vixente, das "recomendacións desde organismos europeos e sentenzas xudiciais favorables".

Tamén destacan que "preto do 40% dos médicos do Sergas están actualmente nunha situación laboral irregular ou precaria".

É por iso que decidiron enviar unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, "asinada por máis de 1.200 facultativos, tanto eventuais como propietarios de praza, que apoian esta iniciativa": a realización dunha OPE extraordinaria "que permita a consolidación de prazas por parte deste colectivo".

"Algúns vimos arrastrando contratos encadeados desde hai moitos anos, nalgún caso mesmo desde hai dez anos, antes de poder ter unha interinidade", denuncian.

Por iso insisten que saian esas prazas de contratos encadeados a estruturais na Oferta Pública de Emprego, por concurso, dada a "situación excepcional" da pandemia COVID- 19 da que "moitos compañeiros" arrastran "un desgaste emocional importante".

"O tempo que se necesita para estudar unha oposición ordinaria, implica paralizar durante preto dun ano ao que nos dedicamos, e estudar un temario xeral que nada ten que ver en ocasións co desenvolvemento do noso traballo".

Así, destacan que a esta petición extraordinaria tamén se sumaron, coa súa firma, "moitos dos propietarios de prazas do sistema", que xa pasaron pola mesma situación "e que están a favor desa OPE de consolidación".

O colectivo celebrará concentracións o xoves a partir das 12,30 horas ante os diferentes hospitais públicos de Galicia para visibilizar a súa situación e as súas demandas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta