Perruquerías, barberías e salóns de estética esixen volver ao IVE reducido do 10%

A situación crítica que están a vivir supón que aproximadamente 75.000 persoas perderán os seus postos de traballo.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Plataforma de imaxe persoal Crer en Nós Compostela e a Plataforma de Perruqueros Unidos de España, en nome de todo o sector de perruquería, barbería e estética reclaman que o Goberno os considere como sector esencial, xa que así se lles recoñeceu durante a pandemia, e que se lles devolva o IVE reducido do 10%, fronte o actual IVE de luxo que soportan do 21%.

Interior dunha perruquería
Interior dunha perruquería | Fonte: viladrau.cat

Desde a Plataforma, advirten de que están en risco 27.000 destes centros e 75.000 postos de traballo. Por isto, anuncian que, se no Senado non se aproba a volta o IVE reducido, convocarán mobilizacións na Coruña, Pontevedra, Lugo, Vigo, Ourense e Santiago o vindeiro 20 de xaneiro.

SUBIDA DO IVE

A plataforma, por outro lado, lembra que en 2012 subíuselles o IVE do 8% ao 21% por mor da crise económica. Unha suba de 13 puntos que se lles dixo que sería temporal. "A maioría decidimos asumir a pesar de que moita da clientela non podía permitirse acudir aos salóns, mais agardabamos regresar ao IVE anterior unha vez superada esa crise".

 

Ademais, lembran que o 27 de novembro de 2017, o PSOE presentou unha PNL para devolver o IVE reducido, que foi apoiada por Unidas Podemos, PNV e ERC, e que foi aprobada en 2018. Subliñan que daquela “eran partidos da oposición e agora eses partidos son os que gobernan e non aplican o que daquela aprobaran”.

 

Por outra banda, o pasado martes, día 1 de decembro, o BNG presentou unha emenda demandando que se lles devolvera o IVE reducido, debido a crítica situación que atravesan, xa que, no mellor dos casos, están ao 50% de facturación. Mais o Goberno da Xunta votou que "non".

SITUACIÓN CRÍTICA

O sector da imaxe persoal salienta algúns dos datos máis destacados dos estudos realizados, segundo os que máis do 20% das perruquerías, barberías e estéticas non teñen capacidade de chegar ao Nadal e outro 58% non poderá sobrevivir máis de 6 meses.

Calcúlase que 27.000 salóns, dos 48.000 que existen, pecharán, nun sector que ten máis de 150.000 traballadoras e traballadores no Estado español -dos que o 85% son mulleres autónomas- e xeran 50.000 traballos indirectos.

Debido a isto, perderanse aproximadamente 75.000 postos de traballo, coas súas correspondentes cotizacións á Seguridade Social e advirten que o Estado, se a metade dos centros pechan, reducirá á metade a recadación do IVE, por unha banda, e terá que asumir o custo das prestacións por desemprego desas 75.000 persoas traballadoras, pola outra.

Denuncian que, deste xeito, estase a promover a economía somerxida, porque as traballadoras que queden sen emprego continuarán peiteando e tinguindo á súa clientela de sempre nas súas casas. Por iso, demandan que “non miren para outro lado” e que “voten SI no Senado” á redución do IVE para “salvar o sector da imaxe persoal”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta