Temas: CONSUMO UE AUGA

A Eurocámara aproba a directiva para fomentar a gratuidade da auga da billa para clientes de bares e restaurantes

Reducir o consumo de auga embotellada pode axudar aos fogares europeos a aforrar máis de 600 millóns de euros ao ano.

Por Europa Press / Redacción | Bruxelas | 15/12/2020 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento Europeo aprobou este martes a nova directiva sobre auga potable, que establece unha serie de medidas para garantir o acceso a este recurso, especialmente por parte dos grupos máis vulnerables, e busca fomentar a subministración de auga de billa en bares e restaurantes de forma gratuíta ou cun prezo moi baixo.

Auga da billa.
Auga da billa.

Esta normativa actualiza a aprobada hai máis de vinte anos e responde á primeira Iniciativa Cidadá Europea que logra prosperar, co nome 'Right2Water'. Os Estados membros terán dous anos para trasladar ás súas lexislacións nacionais todas as disposicións unha vez sexa publicada no Diario Oficial da UE.

A Comisión Europea presentou esta proposta lexislativa en febreiro de 2018 e xa entón subliñou que reducir o consumo de auga embotellada pode axudar aos fogares europeos a aforrar máis de 600 millóns de euros ao ano e, ao mesmo tempo, contribuír á redución dos plásticos procedentes de botellas.

En concreto, a directiva obrigará aos países a garantir a subministración gratuíta nos edificios públicos, á vez que insta a restaurantes, comedores e servizos de restauración a ofrecer auga aos seus clientes de forma gratuíta ou a cambio dunha "pequena taxa de servizo".

Ademais, os Estados membros terán que adoptar as medidas necesarias para garantir o acceso a auga potable por parte de grupos vulnerables como persoas sen fogar, refuxiados e outras comunidades.

Para conseguir que a poboación europea gañe confianza con respecto ao consumo de auga de billa non embotellada, a directiva busca mellorar a súa calidade mediante a fixación duns límites máis estritos para algunhas sustancias contaminantes como o chumbo.

Así mesmo, a Comisión Europea elaborará a principios de 2022 unha lista con aquelas substancias ou compostos que xeren preocupación sanitaria na comunidade científica ou a opinión pública. Nela recolleranse, entre outros, produtos farmacéuticos, alteradores endocrinos e microplásticos. Na mesma liña, Bruxelas recollerá noutra lista aquelas sustancias autorizadas a estar en contacto coa auga potable.

Temas: CONSUMO UE AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Algúns levamos anos soportando a privatización do servizo de augas en mans da compañía amiga do alcalde (luces e rampas) Cada día a auga é de peor calidade e nin siquera sabemos que bebemos (?) https://twitter.com/00Gamela/status... Haberá que agardar as multas da UE para que os caraduras que fan negocio á nosa costa desaparezan do mapa político e quen veña detrás terá que pagar multas e facturas para resolver o cristo que deixaron anos de abandono a mantenta ! https://twitter.com/00Gamela/status... A Auga xa cotiza na Bolsa de Futuros!