Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2020 | Actualizada ás 13:42
O PPdeG secundará o vindeiro domingo, día 20 de decembro, as protestas convocadas a nivel estatal pola plataforma 'Más plurales' contra a Lei Celáa co obxectivo de "defender o sistema educativo e a normal conviviencia lingüística que sempre caracterizaron a Galicia".
Así o avanzou este mércores o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, quen explicou que, aínda que están "pendentes" de saber en que cidades terán lugar estas mobilizacións, a súa formación estará presente "a todos os niveis".
"Xa participamos nas que houbo hai tres semanas e temos previsto estar presentes nestas porque compartimos as reivindicacións da plataforma que as convoca", manifestou Tellado. Por outra banda, o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, esta semana xa confirmou a participación da súa formación nestas protestas e asegurou que as comunidades gobernadas polo PP xa iniciaron unha "resistencia cívica e legal" para "minimizar" o impacto da norma.
Precisamente, Miguel Tellado volveu trasladar o compromiso do Goberno galego coa "defensa da educación" en Galicia e da "liberdade dos pais para elixir o centro ao que queren enviar aos seus fillos".
"No que ten que ver co exercicio das nosas competencias e, co respecto escrupuloso da lei, defenderemos o modelo educativo que funcionou ao longo dos últimos dez anos en Galicia e que permitiu niveis de éxito educativo importantes, como revelan todo tipo de informes", argumentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.