Tellado ataca ao BNG por apoiar a Sánchez: "débelle 400 millóns a Galicia por facelo presidente"

Senadores do PP presentan 130 emendas relacionadas con Galicia ao PGE

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2020 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o BNG lle debe 400 millóns de euros a Galicia por facer presidente a Pedro Sánchez, quen "volverá facer oídos xordos" ás necesidades dos galegos. Así o manifestou nunha rolda de prensa ofrecida este mércores acompañado polo senador José Manuel Barreiro e pola deputada autonómica Paula Prado.

Na súa intervención, Tellado destacou que, como xa fixeron primeiro no Congreso dos Deputados, os populares tamén presentaron no Senado máis de 1.500 emendas aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE), das que máis de 130 están relacionadas con Galicia.

O número dous do PPdeG lamentou que os socialistas vaian volver rexeitar, "sen diálogo", todas as demandas galegas debido a que Sánchez xa elixiu os "radicais e independentistas" como "compañeiros de viaxe".

O senador do PP José Manuel Barreiro, a deputada do PP Paula Prado e o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. PPDEG
O senador do PP José Manuel Barreiro, a deputada do PP Paula Prado e o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. PPDEG | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, José Manuel Barreiro afirmou que as contas do Estado para 2021 son un "instrumento de malos tratos" a Galicia. Así, subliñou que a galega é a "comunidade máis maltratada", unha cuestión que vinculou a "motivos puramente políticos".

"O único que pedimos é que se manteña o que xa estaba comprometido nos anteriores orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy", sostivo para recalcar que os populares seguirán trabajnado con total intensidade para que Galicia reciba "o que lle corresponde".

Ademais, tras insistir na responsabilidade do BNG neste asunto por "apoiar" a investidura de Sánchez, indicou que os representantes do PSdeG nas Cortes Xerais deberían aclarar se están a favor dos intereses da Comunidade ou se só débense ao líder do seu partido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta