Recoñecidos chefs como Javier Olleros e Lucía Freitas toman o mando dos fogóns solidarios en Noiteboa

As ceas, que se distribuirán en comedores sociais, forman parte dun convenio entre o Parlamento, a Xunta e varias ONG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2020 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

Algúns dos cociñeiros máis prestixiosos de Galicia como Javier Olleros, chef de Culler de Pau --recentemente galardoado coa súa segunda estrela Michelin--, Lucía Freitas, da Tafona, ou Juan Crujeiras, do restuarante Bido, elaborarán 7.500 menús solidarios que se distribuirán en comedores sociais o 24 de decembro.

Así o ratificou o convenio asinado este mércores polo Parlamento e a Xunta de Galicia, en colaboración coa ONG World Central Kitchen --dirixida polo chef José Andrés--, que se encargará da distribución, e outras entidades sen ánimo de lucro --cociñas económicas e comedores sociais--. O acordo está dotado cun orzamento de 65.000 euros.

Ao acto, que tivo lugar no Centro Superior de Hostalaría de Galicia --onde os chefs prepararán as ceas coa axuda do alumnado e profesorado da escola--, acudiron representantes de todos os grupos participantes, así como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; e o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

Alfonso Rueda cualificou de "simbiose perfecta" a unión entre ONGs, administración e cociñeiros de prestixio como Javier Olleiros, a quen lle agradeceu a súa participación. O responsable de Culler de Pau subliñou a "honra" que supón participar nunha iniciativa deste calibre, pero pediu "continuidade" no convenio. "Se se trata só dun fogonazo para Nadal, se non ten unha continuidade, non valerá de nada", advertiu o chef.

Javier Olleros recoñeceu que é un "reto" preparar tantos menús, pero asegurou que, partindo de produtos de calidade, conseguirán pratos "nutritivos e completos, pero con sabor" cos que pretenden dar "un pouco de calor e agarimo" a aqueles que máis o necesitan.

PRODUTOS DE PROXIMIDADE

Os pratos elaboraranse a partir dos produtos galegos cuxos provedores se integren en 'Mercaproximidade', a canle de comercialización de agroalimentación impulsado pola Xunta por mor da crise da covid-19, que deixou a moitos provedores sen mercados nos que vender os seus produtos. Segundo explicou a Xunta nun comunicado, o importe da mercadoría adquirida a cada provedor deberá ser inferior a 15.000 euros para "buscar pluralidade" no servizo.

José González, conselleiro de Medio Rural, destacou o papel que 'Mercaproximidade' terá na iniciativa, cuns "produtos e cociñeiros de máxima calidade", e recoñeceu que a administración sente "moi ilusionada con este proxecto", ademais de agradecer a disposición das entidades sociais participantes.

Da distribución dos menús en comedores sociais, cociñas económicas e demais asociacións encargarase a ONG World Central Kitchen --dirixida polo chef José Andrés-- en colaboración con diferentes entidades solidarias do catro provincias como a Cociña Económica de Santiago, Convento San Francisco en Pontevedra, a Asociación Centro de Desenvolvemento Rural O Viso ou a Asociacón Bando de Alimentos Rías Altas, entre outras.

O vicepresidente da Xunta de Galicia,  Alfonso Rueda;  o presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices e o conselleiro de Medio Rural, José González, asinan o convenio para a distribución dos menús. PARLAMENTO DE GALICIA
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices e o conselleiro de Medio Rural, José González, asinan o convenio para a distribución dos menús. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta