Feijóo aposta por reeditar o acordo colaboración coas deputacións asinado hai oito anos

"Imos seguir traballando xuntos, coordinando a actividade en beneficio dos concellos", sentenciou o presidente da Xunta, tras unha reunión con José Manuel Baltar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2020 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou este mércores por "reforzar a colaboración institucional" coas deputacións para "seguir mellorando" a calidade dos servizos públicos e consolidar unha estrutura administrativa sen duplicidades, profundando no proceso de sinerxías e promovendo a prestación supramunicipal de servizos.

"Imos seguir traballando xuntos, coordinando a actividade en beneficio dos concellos", sentenciou, tras unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, na que, en consecuencia, apostou por reeditar nesta lexislatura o documento de colaboración asinado en xuño de 2012 coas catro deputacións.

E no camiño de avanzar nesa colaboración, destacou o acordo coa Deputación de Ourense en materia de abastecemento e saneamento para formar parte do proxecto da empresa pública de administración hidráulica, que será remitido ao Parlamento no primeiro semestre de 2021, co obxectivo de axudar os concellos que teñen competencia exclusiva neste ámbito. "A Deputación de Ourense acaba de confirmar que formará parte do capital desta empresa pública", trasladou Feijóo, lembrando que, neste ámbito, a Xunta, a Deputación e nove concellos da provincia integran o Consorcio de Valdeorras, formado en 2014.

Outro dos temas abordados foi a proposta de mellora de atención ás emerxencias na provincia, coa creación de dous grupos de emerxencia supramunicipal (GES): en Maceda e na Veiga. Así mesmo, destacou o investimento de 12 millóns no novo Centro integral de loita contra o lume en Toén, no lugar onde se atopa o antigo hospital psiquiátrico.

Por outra banda, Feijóo e Baltar avaliaron a evolución das infraestruturas deportivas na provincia, coa construción do parque acuático de Monterrei, un proxecto de 8 millóns de euros que comezará pola execución das piscinas; e coa ampliación do club náutico de Castrelo de Miño e construción neste lugar dun campo de regatas, cunha achega total de máis de 1 millón de euros. Para ambas as actuacións asinarase un convenio entre a Xunta e a Deputación, cun financiamento das partes ao 50%.

Baltar recoñeceu a "coordinación" coa Xunta e contrapúxoo coa relación que o Goberno central ten coas entidades locais a pesar das dificultades dun contexto marcado pola covid.

Feijóo e Baltar manteñen un encontro institucional.. Xunta de Galicia
Feijóo e Baltar manteñen un encontro institucional.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta