O TSXG rexeita a demanda contra a Xunta pola "explotación laboral" do persoal de limpeza dos colexios

O TSXG declarouse incompetente para xulgar estas medidas posto que estas normas regulan "as condicións de hixiene" pola COVID-19, non as laborais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2020 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A Sala do Social do TSXG desestimou a demanda de conflito colectivo presentada pola CIG polas medidas sobre limpeza de centros educativos pola COVID-19 decretadas pola Xunta, tras declararse incompetente para xulgar estas normas.

O sindicato presentou a demanda contra o Goberno galego polo abuso e explotación laboral que está a padecer o persoal encargado da limpeza dos colexios. No texto, acusaban á Consellería de Cultura, Educación e Universidade de impor horarios e de "triplicar a carga de traballo" para atender as necesidades derivadas da pandemia.

Uns cambios que levaron a cabo, segundo censuraba a CIG, "sen a negociación preza coa representación do persoal" que establece a Lei, a pesar de xerar un aumento de carga de traballo "insustentable".

No entanto, o TSXG declarouse incompetente para xulgar estas medidas e decidiu desestimar a demanda de conflito colectivo, posto que estas normas regulan "as condicións de hixiene" pola COVID-19, non as laborais. No fallo, o tribunal aprecia falta de xurisdición. "Consideramos que non somos competentes para coñecer unha demanda como a presente, pois nela trátase de impugnar unha norma de eficacia xeral".

Os maxistrados entenden que estas medidas se adoptaron "como exercicio do poder administrativo/executivo, non como reflexo do poder dun empregador" e nelas búscase "establecer uns parámetros de sanidade" ao regular non as condicións laborais do persoal de limpeza, "senón as condicións de limpeza e hixiene nos centros educativos".

O tribunal considera, por tanto, que as ordes contidas nas resolucións da Xunta impugnadas "non son disposicións empresariais, senón disposicións normativas, isto é, normas de obrigatorio cumprimento". Estas normas van dirixidas "non só aos propios traballadores da Consellería de Educación", senón tamén aos dos centros concertados, ás empresas concesionarias do servizo de e aos dos concellos", conclúe.

Limpeza e desinfección en colexios. CONCELLO DE MÁLAGA
Limpeza e desinfección en colexios. CONCELLO DE MÁLAGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta