Unha cadea humana quilométrica unirá Ferrol con Narón para pedir "socorro" ante a "emerxencia social" da zona

Denuncian o "peche continuo de empresas e negocios" coa conseguinte "perda de postos de traballo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2020 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

Unha cadea humana unirá este xoves 17 de decembro as localidades veciñas de Ferrol e Narón para lanzar unha mensaxe de "socorro" ante a "emerxencia social, económica e laboral" que existe nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A acción está convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UGT, que tamén chaman a realizar un paro laboral de catro horas para participar na acción, entre as 10,00 e as 14,00 horas.

O secretario comarcal de UGT, José Antonio Díaz, manifestou que "decidimos facer un chamamento á cidadanía para demandar solucións urxentes que permitan paliar esta situación", á vez que alertou do "peche continuo de empresas e negocios, coas conseguinte perda de postos de traballo e aproximadamente 14.000 persoas desempregadas neste tres comarcas".

O seu homólogo na CIG, Manel Grandal, detallou que "hai empresas importantes desta comarca que están a ter moitos problemas", entre as que mencionou a Navantia, Endesa ou Siemens Gamesa e ás súas empresas auxiliares, unha situación que estimou que "está xerado pobreza e exclusión social en moitos barrios en particular e na comarca en xeral". "Aos nosos mozos só lles queda o recurso da emigración", apostilou.

AGRAVADA POLA PANDEMIA

Por último, o secretario comarcal de CCOO, Santiago Díaz, alertou que a situación destas comarcas está a xerar "menos industria e con iso menos poboación", unha situación que se viu "agravada pola pandemia e que derivou nun escenario inédito". A proposta dos sindicatos pasa porque esta cadea humana discorra entre os concellos de Ferrol e Narón, pola rúa Galiano e estrada de Castela. Os convocantes inciden en que se cumprirán as normas sanitarias ditadas polas autoridades.

Ademais, os grupos municipais de Ferrol en Común e BNG no Concello de Ferrol situáronse, a través de senllos comunicados, a favor desta mobilización, mentres que a executiva do PSOE en este mesmo municipio tamén realizou un chamamento á participación da cidadanía.

Traballadores de Fene e Ferrol nunha protesta na Ponte das pías en imaxe de arquivo
Traballadores de Fene e Ferrol nunha protesta na Ponte das pías en imaxe de arquivo | Fonte: Ferrol360

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta