A Xunta asume o discurso dos sindicatos e di agora que se centrará na prevención dos incendios

O novo responsable na loita contra lumes forestais fala de dar "un xiro" que viñan reivindicando sindicatos, traballadores e personalidades públicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2020 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

O novo responsable da Xunta na loita contra incendios forestais, Manuel Rodríguez, defendeu as brigadas municipais como "un reforzo non menor" que complementa ao dispositivo propio da Consellería de Medio Rural. O director xeral de Defensa do Monte foi preguntado pola deputada do PSOE Carmen Rodríguez Dacosta na comisión do ramo polo motivo polo que non subiu desde 2016 a partida para financiar estes convenios, pese ao aumento do salario mínimo interprofesional.

Pola súa banda, Rodríguez remitiu aos "case 20 millóns de euros" destinados a eses acordos, que supoñen, segundo as súas cifras, "case duplicar as cantidades de hai unha década" e ademais un incremento do 16% respecto dos últimos dous anos. "É unha realidade, está nos orzamentos. Descoñezo a procedencia dos seus datos en canto a ese descenso, pero non é así", afirmou.

En calquera caso, asumiu un "compromiso" con respecto ás demandas da socialista, que inicialmente xa mostrou a súa posición "contraria" a estas cuadrillas, "orfas dunha preparación mínima" e "sen outra motivación que o tres meses de traballo que asinan".

CENTRARSE NA PREVENCIÓN

Rodríguez Dacosta reivindicou "un xiro nas políticas contra incendios" e centrar o foco na prevención, aspecto co que concordou o alto cargo e polo que mostrou ese "compromiso". En calquera caso, sinalou tamén ás competencias municipais neste ámbito. O director xeral tamén destacou que, dos 262 convenios, 229 recibiron un 90% da contía "con anticipo", e "os que non o cobraron" foi "porque constituíron as brigadas demasiado tarde", polo que rexeitou as acusacións "de meterlle carga financeira aos concellos".

Manuel Rodríguez Vázquez acompañado polo Presidente da Xunta na súa toma de posesión como novo director xeral de Defensa do Monte
Manuel Rodríguez Vázquez acompañado polo Presidente da Xunta na súa toma de posesión como novo director xeral de Defensa do Monte | Fonte: Xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta