Vítimas de Angrois demandarán ao Goberno por "falta de independencia" na investigación do accidente

A acusación recaerá sobre o Ministerio de Transportes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2020 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do accidente do Alvia ocorrido en xullo de 2013 en Angrois (Santiago) demandará ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana por "a negativa a investigar" o sinistro ferroviario, que provocou 80 mortas e máis de 100 feridos. Coincidindo coa presentación desta demanda, paso previo ao comezo dun contencioso-administrativo, a plataforma realizará unha concentración fronte ao ministerio este venres, de 11,30 a 12,30 horas.

En concreto, o motivo é a entrega e rexistro en Transportes da documentación correspondente ao comezo dos trámites para demandar ao departamento de José Luís Ábalos e á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) "pola súa falta de independencia e incumprimento da normativa comunitaria e nacional en relación coa investigación da traxedia".

Tras o procedemento de infracción aberto a España pola Unión Europea e "a negativa a investigar a traxedia, como esixe Europa", a asociación de afectados conta con acudir aos tribunais do contencioso administrativo, aínda que, "por imperativo legal", primeiro presentará varias peticións en vía administrativa.

UN RESPONSABLE SEGUNDO A CIAF, DOUS IMPUTADOS POLO XUÍZ

A única investigación realizada ata o momento pola CIAF sinalou ao maquinista como o único responsable, por circular cun exceso de velocidade antes de tomar a curva da Grandeira. A Axencia Ferroviaria da Unión Europea censurou este informe por falta de independencia e tanto o Parlamento Europeo como a Comisión instaron en reiteradas ocasións ao Estado español a que acometese unha nova investigación que si sexa independente e profunde nas causas do sinistro.

Sen data prevista para o xuízo, o instrutor volveu decidir o peche das pescudas (pendente da resolución da Audiencia Provincial sobre os recursos) con dous imputados, o maquinista e o exresponsable de seguridade de Adif, a empresa pública encargada da infraestrutura ferroviaria, na que afirma que non houbo unha correcta avaliación do risco.

Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo

Vítimas de Angrois maniféstanse no quinto aniversario da traxedia. EUROPA PRESS - Arquivo
Vítimas de Angrois maniféstanse no quinto aniversario da traxedia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta