As axencias de viaxes galegas denuncian a situación "insustentable" do sector cun 40% de peches

Un grupo de representantes concentrouse nas inmediacións do Parlamento de Galicia para reclamar o impulso de axudas directas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2020 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

Un grupo de representantes da Plataforma en Defensa polas Axencias de Viaxes de Galicia concentrouse nas inmediacións do Parlamento de Galicia para reclamar o impulso de axudas directas, ante a situación "insustentable" dun sector que suma un 40 por cento de peches de empresas.

Protesta do sector de axencias de viaxes ante o Parlamento galego
Protesta do sector de axencias de viaxes ante o Parlamento galego | Fonte: Europa Press

O colectivo levou a súa protesta tras unha pancarta e outra serie de carteis nos que se lía 'SOS ao sector turístico de Galicia', en reclamo a un plan de rescate que permita salvar o emprego nestas empresas.

Mar Moreira presidenta de Agadav, denunciou que estes negocios levan "parados" desde marzo, pero tendo que asumir perdas debido ás devolucións con clientes, facturas, xestións e o pago de aluguer.

"Estamos totalmente descapitalizados", advertiu, para reprochar á Xunta que os deixase "tirados" despois de asumir as xestións para traer de volta a Galicia á xente en plena pandemia- "Pedimos á Xunta, ou polo menos a Feijóo, que estean á altura connosco", insiste, ao tratarse dun sector que achega case o 14 por cento do PIB.

Moreira explicou que as axudas a autónomos "non chegaron" a moitos profesionais e supoñen "un parche temporal", que abarca todos os ámbitos.

Por este motivo, insisten en reclamar subvencións e axudas directas a este sector, como levan "esixindo desde hai meses", e lamentaron que se votase en contra dunha PNL no Parlamento galego con este fin.

Segundo os cálculos da entidade, un 40 por cento das axencias tivo que botar o peche e que a porcentaxe podería ascender a máis do 50 por cento ao chegar ao mes de xaneiro.

Por iso, piden unha cobertura mentres non se poida exercer a actividade con normalidade, conscientes de que son un sector que será "dos primeiros en levantar cabeza" cando pase a crise sanitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta