A tesiña

Entre outros moitos tesouros a antiga Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela garda na súa biblioteca unha copia das Tesiñas de Licenciatura defendidas nese templo do saber dende a súa creación en 1922. Dacordo co sistema educativo, este traballo servía para acadar o título universitario con Grado, pero tamén viña sendo todo un ritual académico polo cal o tesinando amosaba as súas aptitudes para iniciarse na corredoira da investigación científica.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 20/06/2013

Comparte esta noticia
A meirande parte desas tesiñas son auténticas obras de xuventude de persoas ás que o destino depararía diferentes paradas e postas: a docencia, a Administración, nalgúns casos a investigación e noutros o abandono do interés pola xeografía, a historia e a arte deste país. Sexa como for, a tesiña de licenciatura, que noutras latitudes lusófonas, chaman Tese de Mestrado, era considerada coma un chanzo importante na carreira dun investigador ou investigadora, por abrir novas portelas na pescuda de temas até o momento non sondeados, por amosar auténticos descubrimentos ou por rozar terreos que serían sementados a posteriori con proxectos máis ambiciosos.
 
No ano 2000 bolseiros-precarios de todo o Estado, aprendices de investigador coa súa tesiña ás costas como carta de presentación, manifestámonos en Madrid a prol dunha verdadeira política científica neste país. De algo serviu. A este respecto, cómpre recoñecerlle ao primeiro goberno socialista de Zapatero unha aposta decidida pola dignificación do labor dos investigadores pre e postdoutorais que xa podíamos cotizar e desfrutar de bolsas seguidas de contratos. A posterior crise económica serviu de campo abonado para eses tecnócratas neoconservadores que consideran o investimento en ciencia e cultura coma unha extravagancia. Este sentir antediluviano resposta tamén a unha mentalidade xeralizada en España, segundo a cal unha tesiña de licenciatura ou unha tese de doutoramento son papel mollado, cando non un demérito no curriculum dun individuo. Nesta mesma liña a formación non é conditio sine qua non para exercer responsabilidades políticas. E se fai falla para manter as formas, recórrese con impunidade ao plaxio. Na España do pelotazo todo ten un prezo.
 
O mago Francisco Camps defendeu unha tese nunha Universidade creada por el, diante dun tribunal á cabeza do cal estaba o presidente do Consello Xurídico Consultivo, posto a dedo por el mesmo e que tachou a Garzón de delincuente. A tese, escrita nun tempo récord, versaba sobre a reforma eleitoral e a “rexeneración democrática” (sic). Camps, o investigador mellor pagado en España, saiu do acto declarando o seguinte: “si alguien me dijese si quiero dar clases, yo encantado”. Esta Universidade ilicitana leva o nome de Miguel Hernández. Se o poeta erguese a cabeza…
 
O borbónico Urdangarín e mailo seu socio Torres fusilaron da Rede unha tese de doutoramento e presentárona como consclusión do Forum Illes Balears para así poderen cobrar 400.000 euros. A tese titulábase  Evolución del turismo náutico en España en los últimos 30 años: recreación o status social. Una aproximación a la sociología del turismo náutico. Neste texto podemos topar a clave para comprendermos por que empresarios mallorquíns agasallaron cun iate de luxo ao bubónico Don Juan Carlos, ou que facía o señor dos Peares percorrendo a ría con outro delincuente.
Na mesma liña, un negro precario redactou a tesiña de Iñaki Urdangarín. Mentres os tiburóns do sistema pasan olimpicamente da educación, a investigación, a ciencia e a cultura (sensu De Guindos) por outra banda, loitan por teren os títulos académicos, os MBA e todos estes certificados que dan pedigrí no mundo dos negocios. Cousas da marca España. Pola contra, en Alemaña, ese país ao que culpamos do que nos está a pasar, dous ministros, Annette Schavan e Karl Theodor zu Guttenberg, demiten por plaxio nas súas teses de doutoramento.
 
Ao meu modo de ver, un dos mellores filmes de Woody Allen é a película “O Testaferro” (The Front), ambientada no Hollywood paranoico da caza de bruxas anticomunista promovida polo senador McCarthy. Toda unha sátira dos sistemas totalitarios que promoven a denuncia e a limpeza de sangue. O argumento é o seguinte: guionistas de ideoloxía esquerdista pasan a engrosar unha lista negra e por iso deixan de seren contratados pola industria. Woody Allen préstase a facer de guionista ficticio, dando a cara polos guionistas vetados que lle suministran xeniais guións para vender. O embaucador remata incluso por crer o seu papel, e chega a esixirlle aos negros máis orixinalidade, alegando que el ten un nome e un prestixio.
 
A ciencia en España xa está preparada para facer unha segunda parte de “O Testaferro”. Unha ciencia conformada non só por investigadores ninguneados, represaliados e exiliados, senón tamén por investigadores que, para sobrevivir, acaban escribindo discursos e tesiñas para eses políticos, delincuentes e tiburóns (valla a redundancia) que fan o ridículo cada vez que quedan sós diante dun micrófono mentres destrúen a educación, a cultura, a ciencia, o futuro deste país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA