Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 18/12/2020 | Actualizada ás 13:47
En colaboración co Mercado da Estrela chega outro gran concerto dun Outono Códax Festival que remata. A formación The Sey Sisters fará gozar aos amantes da música negra da man dun trío de voces espectacular de mulleres de ascendencia ganesa, nadas en Cataluña, que convidan a experimentar unha viaxe musical desde o góspel até a música africana, pasando polo soul.
Os seus cantos están impregnados de emoción e xorden da loita contra as inxustizas, a defensa dos dereitos humanos e a esperanza nun futuro mellor. O ano pasado presentaron o seu segundo disco, Rise, co que chegan a Compostela; un álbum que é unha reivindicación do colectivo de mulleres afrodescendentes, ao que elas pertencen, e que xorde da necesidade de expresarse desde o que son: mulleres fillas de persoas migradas que, malia ter nacido e medrado en Cataluña, loitan cada día para que a súa cor de pel non determine o seu camiño.
OUTONO CÓDAX FESTIVAL
O festival, impulsado dende a iniciativa privada da man de Raíña Producións e A Reixa e co patrocinio de Bodegas Martín Códax, presentou este ano na Sala Capitol e en diversos espazos de Santiago de Compostela un cartel de excepción. O cartel de concertos foi acompañado con actividades paralelas de gran interese como ‘ceas pinchadas’, catas e presentacións. O Outono tamén contou coa colaboración de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais de Santiago de Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.